- Así o asegura o World Business Council for Sustainable Development (WBCSD), a organización de referencia no ámbito da sostibilidade empresarial no mundo.
- Un 85% das compañías prevé realizar investimentos neste modelo circular.
- Unha das conclusións da primeira edición de “Economía EnCircular Open Week” é que os proxectos nos que se aplica un deseño circular son máis innovadores, minimizan os seus impactos negativos no medio ambiente e reforzan os positivos.
Cerceda, a 7 de xaneiro de 2021.- Segundo datos do World Business Council for Sustainable Development (WBCSD), a organización de referencia no ámbito da sostibilidade empresarial no mundo, o 93% das empresas europeas cre que a economía circular é importante para o éxito do seu negocio no futuro e un 85% prevé realizar investimentos neste modelo.
A xuízo dos expertos que participaron na primeira edición de ‘Economía EnCircular Open Week’, as compañías deben integrar estratexias, procesos e ferramentas que garantan a súa competitividade nun mercado global. Neste camiño resulta clave a transición desde un sistema de produción e consumo lineal -extraer, fabricar, usar e tirar- a un circular -que aporta fórmulas para prolongar a vida económica útil dos materiais e os produtos e impulsa as enerxías renovables-. Unha transformación que pasa inevitablemente por cambiar a forma na que deseñamos, producimos e usamos os produtos e servizos.
Os relatores puxeron sobre a mesa diferentes iniciativas que se están aplicando con éxito noutras rexións e países, como programas e axudas oficiais á innovación, investigación e ao deseño de novos modelos de negocio, incentivos para investimento en reconversión de procesos, instalacións e subministracións, medidas fiscais ou apoios á formación e emprego de calidade. Unha das principais medidas de impulso é a integración e valoración destes criterios na contratación pública.
A economía circular esixe un papel activo ao consumidor en dous sentidos: a reflexión sobre as necesidades reais de compra, reducindo o volume, e a aposta por solucións máis respectuosas co medio ambiente.
Pola súa banda, as empresas deben afrontar a curto prazo un dos grandes retos como é a redución do uso de plásticos e a súa substitución por outro tipo de materiais máis sostibles
Unha das conclusións deste encontro é que os proxectos nos que se aplica un deseño circular son máis innovadores, minimizan os seus impactos negativos no medio ambiente e reforzan os positivos, ademais de cumprir co resto de requisitos técnicos, económicos, normativos e de funcionamento. E todo isto sen esquecer a súa funcionalidade en termos de transmisión de información e concienciación sobre novos hábitos de consumo e calidade na experiencia do usuario, imprescindibles para o seu éxito.
Fonte: Retema
Imaxe: Pixabay