- Así se desprende da enquisa MalasmadresEco, realizada entre o 1 e o 9 de xuño, durante a desescalada, e na que participaron máis de 5.200 mulleres de todo o país.
- O 80% asegura que, nos dous últimos anos, incorporou hábitos máis sostibles no fogar, como é a separación de residuos.
- E, dentro do fogar, a muller é a máis implicada nas tarefas relacionadas co coidado do medio ambiente, asumíndoas no 82% dos casos.
- Así mesmo, o 98% considera que a mellor forma de ensinar aos seus fillos é precisamente dando exemplo.
Cerceda, a 5 de agosto de 2020.- Trala igualdade de oportunidades, o coidado do medio ambiente constitúe o segundo gran reto das mulleres españolas. Así se desprende da enquisa MalasmadresEco, promovida por Ecovidrio e o Club de Malasmadres, na que tamén se deixa constancia de que só o 2% nega o cambio climático.
Realizada entre o 1 e o 9 de xuño, durante a desencalada, na mesma participaron máis de 5.200 mulleres de toda España, das cales a maioría (88,5%), son nais dun ou máis fillos; o 9,8% non ten fillos e o 1,7% agarda o seu primeiro bebé.
Preocúpanse pola contorna que deixarán aos seus fillos, con especial inquietude na escaseza de auga (73%), as enfermidades relacionadas coa contaminación (69%) ou a perda de ecosistemas e biodiversidade (67%).
Así mesmo, o 80% asegura que, nos dous últimos anos, incorporou hábitos máis sostibles no fogar. Segundo MalasmadresEco, o 89% dos fogares españois separa os residuos de forma habitual, o 75% propúxose reducir o consumo de plástico e o 71% aposta por un consumo responsable.
A SEPARACIÓN DE RESIDUOS, HÁBITO CONSOLIDADO
Se ben a máis habitual é a de papel e cartón (95%), a dos envases de vidro (94%), e a de envases lixeiros como os bricks, latas ou envases plásticos (94%), a segregación dos residuos orgánicos comeza a cobrar importancia e xa a practican 6 de cada 10 vivendas españolas.
Dentro do fogar, a muller é a máis implicada nas tarefas relacionadas co coidado do medio ambiente, asumíndoas no 82% dos casos. Ademais, as nais consideran que o mellor xeito de ensinar aos seus fillos e fillas é, precisamente, dando exemplo no fogar. Así o considera o 98%.
Trala segregación de residuos, as prácticas máis sostibles nos fogares son, por esta orde, o consumo responsable (61,7%), a redución do plástico (60%) e do consumo de luz (59%).
Pola súa banda, o 66% considera que os menores non reciben suficiente educación ambiental no colexio e que se debe avanzar máis neste aspecto.
Maite Egoscozabal, responsable de Investigación Social do Club de Malasmadres e autora da enquisa, destaca como unha das principais conclusións “o aumento da preocupación polo medio ambiente e pola contorna que lle imos a deixar aos nosos fillos e fillas”, ao que engadiu que “Isto supuxo que moitas mulleres e nais non só introduzan hábitos sostibles nos seus fogares, senón que tamén se mostren máis críticas e esixentes á hora de educar en valores como o respecto ao medio ambiente”.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay