- Os educadores da Sociedade pública impartirán neste centro unha serie de sesións formativas a través das cales proporcionarán as claves para contribuír de forma eficiente á xestión sostible dos residuos urbanos.
- O principio europeo dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) constituirá o epicentro da xornada, onde tamén se falará de compostaxe doméstica, así como do cometido industrial de Sogama.
Cerceda, a 14 de xaneiro de 2018.- Os educadores de Sogama desprazaranse este mércores, 16 de xaneiro, a Ferrol para impartir varias sesións formativas no CPR Valle Inclán. Os destinatarios serán ao redor de 80 alumnos e alumnas de educación primaria e secundaria interesados en coñecer con máis detalle a problemática que trae consigo a alta produción de lixo e como facer fronte á mesma desde o fogar, o lugar de traballo, a escola e o tempo de lecer.
EN CLAVE DE “R”
Neste marco, proporcionaránselles as claves para colaborar no sistema, fundamentalmente a través da aplicación do principio europeo dos tres erres: previr e reducir a produción de refugallos en orixe, fomentar a reutilización alonggando a vida útil dos produtos e separar os materiais por tipoloxías para que poidan ser reciclados, unha vez depositados nos contedores correspondentes: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e recipiente convencional, para a fracción resto.
Tamén se abundará nas vantaxes asociadas á compostaxe doméstica, práctica tradicional no ámbito rural mediante a cal se recupera a materia orgánica transformándoa nun compost de alta calidade que actúa como fertilizante natural.
Dado que, na composición media dunha bolsa tipo, os restos orgánicos supoñen da orde do 42%, se estes se reciclan en orixe, minórase en gran medida a cantidade de lixo a tratar por outras vías e as emisións de CO2 derivadas do transporte.
Sogama dispón dun programa de compostaxe doméstica ao que se adheriron máis de 290 entidades (concellos, centros educativos e colectivos sociais) e entre as que repartiu máis de 9.600 composteiros. Condición imprescindible para participar nesta iniciativa é que as vivendas, colexios ou colectivos conten con terreo (xardín ou horta) no que aplicar o abono resultante, permitindo desta forma pechar o círculo de aproveitamento da materia orgánica e devolvela ao solo en forma de nutrientes.
As explicacións dos monitores estarán acompañadas e reforzadas con recursos didácticos diversos tales como vídeos, presentacións e xogos a fin lograr unha maior implicación dos escolares e afianzar os seus coñecementos.
Así mesmo, trasladaráselles os pormenores do modelo Sogama, ao que están adscritos a meirande parte dos concellos galegos, entre os que se atopa o de Ferrol, e cuxo cometido se orienta á reciclaxe dos materiais susceptibles de ser recuperados por esta vía, e contidos na bolsa amarela e negra, as dúas fraccións xestionadas por esta compañía, e á valorización enerxética, limpa e respectuosa co medio ambiente e a saúde, da parte non reciclable.
Saúdos, Departamento de Comunicación