- Os monitores desta empresa pública viaxarán mañá á cidade para impartir dúas sesións formativas neste centro, que estarán orientadas ao alumnado de 2º de Bacharelato e do Ciclo Superior de Educación Ambiental
- Máis aló de debullar o principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), tamén se explicará aos estudantes o proceso industrial de tratamento de residuos nas instalacións de Sogama respecto das tres fraccións que se atopan baixo a súa competencia: bolsa amarela, bolsa marrón e bolsa negra
Cerceda, a 10 de novembro de 2022.- O IES Concepción Arenal de Ferrol recibe mañá, 11 de novembro, a visita dos educadores de Sogama, os cales impartirán dúas sesións formativas orientadas ao alumnado de 2º de Bacharelato e do Ciclo Superior de Educación Ambiental.
A xestión sostible dos residuos municipais constitúe a temática central destas xornadas, sendo a aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) a máxima que deben adoptar os cidadáns cada día para propiciar que os refugallos sexan minorados en orixe, que os produtos se aproveiten todo o posible, alongando a súa vida útil a través da reutilización, e que, unha vez convertidos en residuos, sexan clasificados por tipoloxías e depositados nos distintos contedores de recollida selectiva para garantir o seu posterior reciclado. Desta forma garántese a súa transformación en novas materias primas a partir das cales se fabricarán novos artigos, pero cun notable aforro de enerxía e custos.
Dado o nivel académico dos destinatarios destas sesións, explicarase a actividade industrial de Sogama en relación ás tres fraccións de residuos que se atopan baixo a súa competencia: envases de plástico, latas e briks depositados no contedor amarelo, que a empresa selecciona por tipoloxías nunha planta de clasificación e remite posteriormente aos correspondentes centros recicladores; fracción orgánica recollida a través do contedor marrón, en proceso de implantación, que trata na súa planta de compostaxe para convertela en compost de alta calidade; e fracción resto, introducida no contedor convencional. Respecto a esta última, e valéndose dunha planta 4.0, dotada con tecnoloxías de última xeración, separa automaticamente os materiais que, por erro, foron depositados pola poboación no contedor xenérico, e que son susceptibles de ser reciclados, remitíndoos á industria transformadora. Coa parte non reciclable acondiciona un combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica, cunha potencia instalada de 50 MW, para producir electricidade, que subministra á rede. A enerxía producida en Sogama equivale ao consumo do 12% dos fogares galegos.
De acordo coa xerarquía de xestión de residuos promulgada pola Unión Europea, o vertedoiro constitúe o último elo, quedando relegado a acoller aqueles refugallos que, polas súas características, non poden ser reciclados e tampouco recuperados enerxeticamente.
A día de hoxe, Sogama dá servizo a un total de 295 concellos galegos, o 94% do total, atopándose Ferrol entre os mesmos.
Saúdos, Departamento de Comunicación