
- Nas mesmas participaron un cento de mozos do Ciclo Superior de Asistencia a Dirección e Ciclo Medio de Xestión Administrativa, así coma do Ciclo Superior de Edificación e Obra Civil
- O centro quixo poñer de relevo, unha vez máis, a importancia da educación ambiental para todos os grupos idade, dado o traballo que vén desenvolvendo no eido dos ODS
Cerceda, a 25 de febreiro de 2025.- Un cento de estudantes do IES As Fontiñas de Santiago de Compostela tiveron a oportunidade de reforzar os seus coñecementos sobre reciclaxe a través de diversas sesións formativas impartidas por técnicos de Sogama.
Nas mesmas participaron alumnos/as do Ciclo Superior de Asistencia a Dirección e Ciclo Medio de Xestión Administrativa, así coma do Ciclo Superior de Edificación e Obra Civil. Todos eles amosáronse moi interesados en mellorar a súa achega á reciclaxe a través dunha correcta clasificación dos residuos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes, pero tamén en instruírse nas boas prácticas vinculadas ao consumo responsable e en adentrarse no labor de Sogama dende a dimensión industrial, económica e social.
Con esta actividade transversal, destinada a mozos/as de distintas especialidades, o IES As Fontiñas quixo poñer de relevo, unha vez máis, a importancia da educación ambiental para todos os grupos idade, dado o traballo que vén desenvolvendo no eido dos ODS (Obxetivos de Desenvolvemento Sostible), especialmente no ODS 11: cidades e comunidades sostibles; o ODS 12: produción e consumo responsable; e o ODS 13: acción polo clima.
Durante as charlas, os monitores desta empresa pública abundaron na operativa do último contedor instaurado nas rúas, o marrón, destinado a recoller a materia orgánica de carácter doméstico que logo é compostada nalgunha das catro plantas de biorresiduos que Sogama ten na comunidade: Cerceda, na Coruña, onde Santiago entrega esta fracción; Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense.
Estas catro instalacións, apoiadas por trece plantas de transferencia ás que se dotou cunha tolva para o transvasamento dos restos orgánicos, teñen a misión de transformalos nun abono natural de alta calidade con posteriores aplicacións no sector da agricultura e xardinería.
Ademais da compostaxe industrial, Sogama lidera en Galicia un programa de compostaxe doméstica, ao que están adscritas máis de 480 entidades (concellos, centros educativos e colectivos sociais), entre as que repartiu, de forma gratuíta, máis de 23.100 composteiros. A pretensión non é outra que posibilitar a prevención e a redución da produción de residuos en orixe e pechar o ciclo da súa recuperación nas propias vivendas, evitando o uso dos contedores e, polo tanto, os conseguintes custos ambientais e económicos derivados da recollida dos mesmos, o transporte e o tratamento final en planta.
Saúdos, Departamento de Comunicación