- Un total de 140 estudantes de ESO recibirán charlas por parte de educadores desta empresa pública nas que se proporcionarán as claves para colaborar na correcta xestión dos residuos urbanos.
- Abordaranse así temáticas de gran interese como o consumo responsable, os tres erres, a correcta separación de residuos en orixe para propiciar o seu posterior reciclado, formas de minorar o desperdicio alimentario e o negativo impacto ambiental da contaminación por plásticos.
Cerceda, a 23 de setembro de 2019.- Ao redor de 140 alumnos/as de ESO do IES Poeta Añón de Outes (A Coruña) formaranse o vindeiro xoves, 26 de setembro, na xestión sostible dos residuos urbanos coa axuda de Sogama. Educadores ao servizo desta empresa pública desprazaranse ao centro para impartir varias charlas, que estarán reforzadas por distintos recursos didácticos tales como vídeos, presentacións e xogos.
A problemática derivada da alta xeración de residuos e o consumo responsable serán as primeiras temáticas a tratar, toda vez que un consumo consciente e informado constitúe o alicerce sobre o que se asenta a correcta xestión dos refugallos.
Como non podía ser doutra forma, desglosarase o principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), trasladando as pautas para previr e minimizar a produción de lixo, para alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización e para transformar os refugallos en novos recursos a través da reciclaxe. Para itso faise necesario realizar unha correcta separación en orixe a través dos contedores que se atopan a disposición da poboación nas vías públicas: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e contedor verde xenérico, para a fracción resto, prestando atención igualmente aos recipientes específicos para pilas e aos puntos limpos municipais, concibidos para acoller materiais especiais tales como voluminosos, aceites, aparellos eléctricos e electrónicos, etc.
O DESPERDICIO ALIMENTARIO E A CONTAMINACIÓN POR PLÁSTICOS, EN AXENDA
O desperdicio alimentario cobra tamén protagonismo, xa que actualmente refúgase un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano. Se ben o malgaste ten lugar en todas as fases da cadea, todo apunta que o fogar contribúe a esta mala praxe nun 42%, sendo o pan, a pasta, as froitas e as hortalizas os produtos que con máis frecuencia acaban arroxados ao cubo do lixo, co conseguinte custo ambiental, económico, social e moral.
A contaminación por plástico non podía faltar na axenda formativa prevista, debendo poñer coto aos plásticos de usar e tirar, que moitas veces acaban abandonados na contorna ocasionando serios prexuízos medioambientais debido á súa lenta degradación.
Tanto en terra como en mar, as consecuencias destes materiais son moi nocivas, xa que os animais inxírenos ao confundilos con alimentos, ocasionándolles moitas veces a morte. Así mesmo, alteran os ecosistemas, propician a expansión de especies invasoras que arrastran nas viaxes que realizan a través das correntes mariñas e afectan negativamente á pesca, ao turismo e á propia alimentación humana.
Saúdos, Departamento de Comunicación