- Os educadores de Sogama desprazaranse o próximo mércores, 6 de febreiro, a este centro, cuxo alumnado viaxou ao complexo medioambiental de Cerceda en varias ocasións, para impartir unha charla sobre xestión sostible de residuos.
- Na mesma cobrarán protagonismo o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e profundarase en temáticas tales como o desperdicio alimentario e a compostaxe doméstica.
- Así mesmo, daranse a coñecer os pormenores da ampliación do complexo industrial de Sogama, que xa conta cunha nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa.
Cerceda, a 4 de febreiro de 2019.- O alumnado de Bacharelato do IES “Xoán Montes” de Lugo perfecciona os seus coñecementos en materia de reciclaxe.
O centro, cuxos estudantes e profesores xa se desprazaron en cursos anteriores ao complexo medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para comprobar o seu labor industrial, recibirá o próximo mércores, 6 de febreiro, a visita dos educadores da Sociedade, os cales impartirán unha charla formativa sobre xestión sostible de residuos urbanos.
O principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) cobrará especial protagonismo. Cada un dos erres será desgranado para coñecer a súa importancia e como contribuír á súa consecución. Así, recordarase que a prevención e a redución da produción de refugallos constitúe o cimento sobre o que se asenta o éxito do sistema. Consumir de forma responsable, optar polas compras a granel e minimizar o uso de envases e envoltorios son algúns dos xestos que nos axudarán neste obxectivo.
Tamén se enxalzará o valor da reutilización, que non é máis que alonggar a vida útil dos obxectos e, por suposto, incidirase na necesidade de separar en orixe os distintos tipos de residuos e depositalos nos contedores axeitaados para que poidan ser reciclados: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; e contedor verde convencional, para a fracción resto (non reciclable), sen esquecer os recipientes para pilas e, por suposto, os puntos limpos, recintos pechados cos que contan os concellos e aos que os cidadáns deben trasladar aqueles refugallos cualificados como especiais e que, polas súas características, non poden acoller os recipientes de recollida selectiva emprazados nas vías públicas.
DESPERDICIO ALIMENTARIO E COMPOSTAXE DOMÉSTICA
Dentro das temáticas a tratar, profundarase na problemática que representa o desperdicio alimentario, toda vez que no mundo se refuga un terzo dos alimentos que se producen para o consumo humano; unha irracionalidade con serias consecuencias desde o punto de vista ambiental, económico, social e moral.
Neste marco, proporcionaranse as claves para evitar que a comida acabe no cubo do lixo: comprar o necesario, revisar a despensa e a neveira e consumir antes os produtos antigos; diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente (a primeira indica o momento a partir do cal un artigo pode supoñer un risco para a saúde e a segunda o momento a partir do cal pode perder propiedades –textura, cheiro, sabor, cor-, pero sen representar unha ameaza para a saúde), axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús.
Abordaranse tamén os pormenores da compostaxe doméstica, unha magnífica alternativa para tratar a materia orgánica producida naquelas vivendas unifamiliares que contan con terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante, un abono natural con excelentes propiedades para o solo.
MÁIS RECICLAXE EN SOGAMA
Así mesmo, daranse unhas pinceladas sobre o proceso de ampliación do complexo industrial de Sogama, que xa conta cunha nova planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra e que permitirá á compañía incrementar notablemente a súa achega á reciclaxe e reducir o vertido mínimos, chegando no ano 2020 ao vertido técnico cero, é dicir , que só se leve a vertedoiro aquela fracción do lixo que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente. Esta nova instalación compleméntase coa remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, que estará lista a mediados de ano. Unha mellora que permitirá a Sogama incrementar a súa capacidade de tratamento nun 81%, pasando das 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, converténdose na infraestrutura das súas características máis moderna, eficiente e innovadora de Europa e unha das de maior entidade a nivel mundial.
Saúdos, Departamento de Comunicación