- Partirá o próximo 24 de xaneiro desde a illa de Lamu, en Kenia , e chegará o 7 de febreiro á cidade de Pedra, en Zanzíbar, un traxecto no que dará voz á campaña “Mares Limpos” de ONU Medio Ambiente, cuxo obxectivo é poñer freo aos refugallos plásticos.
- Un grupo de construtores dos tradicionais dhows fundiu, formou e esculpiu os residuos plásticos coma se fosen madeira, e a cuberta foi decorada con coloridas láminas procedentes de sandalias recicladas e recolectadas durante as xornadas de limpeza da praias de Lamu, onde son un dos artigos máis frecuentes.
- O barco ilustra a necesidade de cambiar os patróns de produción e consumo, e co mesmo preténdese promover a reflexión da cidadanía sobre a contaminación mariña, un problema con graves consecuencias sobre a fauna, os ecosistemas, a pesca, a economía, o turismo e a propia alimentación humana.
Cerceda, a 23 de xaneiro de 2019.- O próximo 24 de xaneiro, Flipflopi, o barco de vela multicolor de 9 metros de eslora e fabricado con 10 toneladas de residuos plásticos reciclados, partirá desde a illa de Lamu, en Kenia, e porá rumbo ao arquipélago de Zanzíbar, en Tanzania, co obxectivo de dar voz á campaña “MaresLimpos” de ONU Medio Ambiente; unha iniciativa á que xa se sumaron moitos países, entre eles nove de África, e coa que se pretende poñer freo aos refugallos plásticos, toda vez que aos nosos mares chegan cada ano 13 millóns de toneladas de lixo.
O barco ilustra, tal e como manifesta ONU Medio Ambiente, a necesidade de cambiar os patróns de produción e consumo, e co mesmo preténdese promover a reflexión da cidadanía sobre un problema, a contaminación mariña, con graves consecuencias sobre a fauna, os ecosistemas, a pesca, a economía, o turismo e a propia alimentación humana.
O confundador do proxecto Fipflopi, Ben Morison, quixo crear unha campaña visualmente atractiva tras tomar boa nota das grandes cantidades de plástico que había nas praias de Kenia, onde pasou parte da súa infancia.
O navío foi construído con recursos locais dispoñibles e tecnoloxía básica. De feito , un grupo de construtores dos tradicionais dhows fundiu, formou e esculpiu os residuos plásticos coma se fosen madeira, e a cuberta foi decorada con coloridas láminas provenientes de sandalias recicladas e recolectadas durante as xornadas de limpeza da praias de Lamu, onde son un dos artigos máis frecuentes.
Preténdese así inspirar á xente da costa de África, xa que a pesca dá traballo a máis de 12 millóns de persoas que sofren directamente as consecuencias da contaminación.
Espérase que o barco chegue o 7 de febreiro á cidade de Pedra, en Zanzíbar, tras unha expedición de 500 quilómetros.
DATA DE CADUCIDADE PARA OS PLÁSTICOS DUN SÓ USO
O Parlamento Europeo avogou no seu momento por prohibir, no ano 2021, o plástico dun só uso. Unha liña de acción que xa materializaron desde o pasado 1 de xaneiro un total de oito países do Caribe, isto é, Xamaica, Belice, Bahamas, Barbados, Costa Rica, Dominica, Granada e Trinidade e Tobago.
Nun recente informe, ONU Medio ambiente constatou que en 127 dos 192 Estados revisados adoptaron algún tipo de medida para regular o uso e xestión das bolsas plásticas e que 27 países promulgaron leis que prohíben produtos específicos dun só uso tales como pratos, cubertos, pajitas e envases.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación