- Conforme a unha investigación da Universidade de Stanford, a desigualdade económica entre os países máis ricos e máis pobres sería un 25% maior por mor deste fenómeno.
- Para as nacións de clima tépedo, a análise revela impactos económicos de menos do 10%.
- O estudo baséase en análises previas de 50 anos de medicións anuais de temperatura e PIB en 165 países.
Cerceda, a 2 de maio de 2019.- Segundo unha nova investigación da Universidade de Stanford, o cambio climático provocou que a brecha entre a produción económica dos países máis ricos e máis pobres do mundo sexa un 25% maior.
Todo parece indicar que esta desigualdade económica viuse acrecentada desde os anos 60. Así, o estudo apunta a que, entre 1961 e 2010, o quecemento global diminuíu a riqueza por persoa nos países máis pobres entre un 17 e un 30% e, se ben a desigualdade económica entre os países diminuíu nas últimas décadas, a investigación suxire que a brecha se tería reducido máis rápido sen o quecemento global.
O estudo baséase en análises previas de 50 anos de medicións anuais de temperatura e PIB en 165 países a fin de estimar os efectos das flutuacións de temperatura no crecemento económico, demostrando que este se acelerou nas nacións frías durante os anos máis cálidos e freouse nas nacións xa de por si cálidas.
O coautor do estudo, Marshall Burke, explicou que os datos históricos mostran con claridade que, cando as temperaturas non son demasiado altas nin demasiado baixas, os cultivos son máis produtivos, as persoas están máis sas e renden máis no traballo. Ao seu xuízo, isto significa que, nos países fríos, un pouco de quecemento pode axudar.
A investigación contemplou datos de máis de 20 modelos climáticos desenvolvidos por centros de investigación de todo o mundo e, para ter en conta a incerteza, os autores calcularon máis de 20.000 versións do que a taxa de crecemento económico anual de cada país podería ter sido sen o quecemento global.
Se ben os países tropicais tenden a ter temperaturas moi afastadas do ideal para o crecemento económico, menos clara é a influencia do quecemento en países de latitudes medias, incluíndo a Estados Unidos, China e Xapón. Para as nacións de clima tépedo, a análise revela impactos económicos de menos do 10%.
Así as cousas, os cinco países máis presionados polo quecemento son Sudán (41 millóns de habitantes), India (1.300 millóns de habitantes), Nixeria (191 millóns de habitantes), Indonesia (264 millóns de habitantes) e Brasil (209 millóns de habitantes).
Fonte e imaxe: Universidade de Stanford
Saúdos, Departamento de Comunicación