- Os corais son moi sensibles aos cambios de temperatura na auga e viven nunha simbiose con algas microscópicas que habitan no seu interior e proporciónanlles enerxía. Cando esta simbiose se rompe, o coral estrésase, debilítase, expulsa as microalgas do seu interior e perde a súa cor e branquea; unha situación que pon en risco a súa supervivencia, podendo ocasionarlle a morte.
- 2018 foi declarado Ano Internacional dos Arrecifes de Coral para aumentar a conciencia social sobre a súa importancia e a necesidade de intensificar a súa protección.
- Se ben a restauración e o cultivo de corais atópase en fase de investigación e desenvolvemento, os expertos advirten que este tipo de iniciativas non poden converterse na única esperanza.
- Reducir as emisións, facer fronte aos residuos plásticos e levar estilos de vida sostibles constitúe unha gran axuda.
Cerceda, a 27 de febreiro de 2019.- O aumento da temperatura do océano está afectando de forma moi negativa aos arrecifes de coral, uns animais coloniais dos que dependen o 25% das especies mariñas e que proporcionan medios de vida para centos de millóns de persoas, os proveen de alimentos, protéxennos de inundacións, xeran ingresos grazas aos turistas que viaxan para aprecialos e ata son materia prima dalgúns medicamentos para combater enfermidades graves.
Os científicos estiman que, para 2050, case o 90% destes super ecosistemas poderían estar extintos. Tal e como asegura Gabriel Grimsditch, da división de ecosistemas mariños do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, os corais son moi sensibles aos cambios de temperatura na auga e viven nunha simbiose con algas microscópicas que habitan no seu interior e lles proporcionan enerxía. Cando esta simbiose se rompe, o coral estrésase, debilítase, expulsa as microalgas do seu interior e, en consecuencia, perde a súa cor e branquea; unha situación que pon en risco a súa supervivencia, podendo ocasionarlle a morte.
Expertos do Panel Intergubernamental do Cambio Climático (IPCC) afirmaron, nun informe en 2014, que os océanos desaceleraron os efectos do cambio climático ao absorber ata un 93% da calor atrapada polos gases de efecto invernadoiro, aumentando con isto o nivel do mar.
O último informe IPCC, presentado o pasado mes de outubro, alerta de que a situación é grave, asegurando que, ata con accións contundentes para estabilizar o quecemento global a 1,5ºC por riba dos niveis preindustriais, para 2050 perderase entre o 70 e o 90% dos arrecifes de coral.
Non obstante, e máis aló do aumento da temperatura do mar, os corais tamén se ven afectados polas actividades humanas a nivel local tales como a pesca excesiva, a contaminación por nutrientes, a sedimentación e a modificación costeira, reducindo a súa capacidade para recuperarse dos eventos de branqueamento.
2018, ANO INTERNACIONAL DOS ARRECIFES DE CORAL
2018 foi declarado Ano Internacional dos Arrecifes de Coral para aumentar a conciencia social sobre a súa importancia e a necesidade de intensificar a súa protección. Un dos grandes logros foi o anuncio dunha nova coalición que involucra a organizacións intergubernamentais, de conservación e fundacións privadas para pedir un liderado audaz que salve aos arrecifes de coral.
Pola súa banda, a ONU, xunto coa Iniciativa Internacional e os Gobernos de Mónaco e Francia, financiou solucións innovadoras para apoiar a súa conservación en diferentes rexións do mundo como África, o Caribe e o sudeste de Asia.
Esta situación crítica tamén contribuíu a fomentar a creatividade e a innovación. Recentemente, investigadores de dúas Universidades australianas crearon un robot submarino que se move a través de porcións danadas dos arrecifes e “planta” centos de miles de corais microscópicos para rexeneralos. Os corais “bebés” foron cultivados a partir de especímenes que sobreviviron ao gran evento de branqueamento de 2016 na Gran Barreira de Coral e crese que son especialmente tolerantes ás temperaturas máis cálidas. Non obstante, o resultado do experimento está aínda por verse e, se ben a restauración e o cultivo de corais atópase en fase de investigación e desenvolvemento, os expertos advirten de que este tipo de iniciativas non poden converterse na única esperanza. “Os arrecifes son ecosistemas moi grandes e moi salvaxes, e tratar de recrealos a través da enxeñería humana é moi difícil”, asegura Grimsditch.
Reducir as emisións, facer fronte aos residuos plásticos e levar estilos de vida sostibles representaría unha gran axuda.
Fonte e imaxe: ONU
Saúdos, Departamento de Comunicación