- Así o aprobou o pleno do Parlamento Europeo, sendo o obxectivo desta medida reducir os residuos electrónicos e informar os consumidores de maneira que poidan tomar decisións máis sostibles.
- Os cargadores que terminan no cubo do lixo ou nun caixón equivalen a unhas 11.000 toneladas de residuos electrónicos anuais na UE.
- O novo estándar será o porto USB tipo C, que optimiza a carga dos dispositivos portátiles e a transferencia de datos.
Cerceda, a 5 de outubro de 2022.- Antes de que remate 2024, todos os teléfonos móbiles, tabletas e cámaras que se vendan na UE deberán incorporar un porto de carga USB tipo C. Esta obrigación estenderase aos computadores portátiles a partir da primavera de 2026.
Xa non será necesario un cargador diferente para cada dispositivo novo. Os consumidores poderán utilizar un único cargador para unha variedade de aparellos electrónicos portátiles de formato pequeno e mediano de nova adquisición.
Con independencia do fabricante, a obrigación aplicarase a todos os teléfonos móbiles, as tabletas, as cámaras dixitais, os auriculares, os libros electrónicos, os teclados e os ratos, así como as consolas de videoxogos, altofalantes, sistemas de navegación e computadores portátiles.
O pleno do Parlamento Europeo aprobou a nova lexislación con 602 votos a favor, 13 en contra e 8 abstencións. Esta iniciativa enmárcase nunha estratexia máis ampla da UE encamiñada a reducir os residuos electrónicos e informar aos consumidores de maneira que poidan tomar decisións máis sostibles.
FOMENTAR A INNOVACIÓN TECNOLÓXICA E A INFORMACIÓN AO CONSUMIDOR
Ante o avance da carga inalámbrica, a Comisión Europea terá que harmonizar os requisitos de interoperabilidade para finais de 2024 e evitar así un prexuízo aos consumidores e ao medio ambiente. Igualmente, esta medida permitirá erradicar o «bloqueo tecnolóxico», polo que un consumidor se volve cautivo dun fabricante concreto ao adquirir un dos seus dispositivos. Estes deberán vir con etiquetas explicativas sobre as súas características de carga, permitindo que os consumidores comproben facilmente se os cargadores que xa teñen son compatibles e decidir se, ao adquirir un novo produto, queren ou non cargador.
Grazas á maior reutilización dos cargadores impulsada pola nova normativa, os consumidores aforrarán ata 250 millóns de euros ao ano en compras innecesarias destes aparellos. Os cargadores que terminan no cubo do lixo ou nun caixón equivalen a unhas 11.000 toneladas de residuos electrónicos anuais na UE.
TRAMITACIÓN E APLICACIÓN
O Consello deberá aprobar formalmente a Directiva antes da súa publicación no Diario Oficial da UE. Entrará en vigor 20 días despois da súa publicación. Os Estados membros disporán de doce meses para reflectir as novas normas na súa lexislación e doutros doce meses máis para comezar a aplicalas. Os produtos comercializados antes da data de aplicación non estarán suxeitos ás novas normas.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pixabay