- Educadores desta empresa pública estarán o vindeiro xoves, 3 de outubro, neste centro para impartir unha xornada formativa dirixida a nenos/as de primaria.
- O obxectivo é que os pequenos participen activamente na xestión sostible dos residuos urbanos e estean informados sobre o principio dos tres erres, o desperdicio alimentario, a compostaxe e a contaminación mariña por plásticos.
- Con isto preténdese que os pupilos incorporen as boas prácticas ambientais á súa vida diaria e contribúan á economía circular.
Cerceda, a 1 de outubro de 2019.- O vindeiro xoves, 3 de outubro, os educadores de Sogama teñen unha nova cita co ámbito académico. Viaxarán á localidade pontevedresa de Nigrán para impartir unha sesión formativa no CEIP Ángel de la Guarda, que estará dirixida ao alumnado de Primaria. O obxectivo do centro é que os pupilos interioricen a necesidade de xestionar os residuos de forma correcta e que incorporen o principio dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) á súa vida cotiá.
Desta forma, trasladaranse unhas sinxelas pautas para consumir de forma responsable. Por exemplo, adquirindo unicamente o necesario, dando preferencia aos produtos a granel e co menor envase e embalaxe posible, e levando a bolsa de casa ou o carriño da compra. Tamén se insistirá na conveniencia de alonggar a vida útil dos artigos e en separar correctamente os refugallos e depositalos nos contedores correspondentes para propiciar o seu posterior reciclado.
A recuperación da materia orgánica tamén estará presente na axenda da xornada. Falarase das vantaxes da compostaxe doméstica e dos beneficios que reporta o compost, dado o seu alto poder fertilizante para o solo e a súa capacidade de protexelo fronte a pragas e enfermidades.
O desperdicio alimentario será outra das temáticas a tratar, xa que un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban refugados nos distintos elos da cadea, sendo o fogar o ámbito que máis contribúe a este fenómeno.
Os expertos insisten en sinalar que cando se desperdicia un tomate, bótase pola borda os recursos empregados para o seu cultivo e comercialización (auga, terra, enerxía, combustible, etc.). Tamén aquí proporcionaranse uns sinxelos consellos: revisar a despensa e a neveira para consumir antes os produtos máis antigos, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para a elaboración de novos menús. Desta forma minimizarase a cantidade de comida que acaba no cubo de lixo cada día.
Dado que Nigrán é un municipio de costa, abordaranse os pormenores vinculados á contaminación oceánica por plásticos e profundarase nos efectos perniciosos destes cando acaban no mar, toda vez que prexudican seriamente aos ecosistemas, a fauna, a pesca, o turismo e a propia alimentación, pois os microplásticos regresan á nosa mesa a través do peixe e o sal que consumimos.
Saúdos, Departamento de Comunicación