- Ao redor de 150 pequenos recibirán sendas sesións formativas que xirarán en torno ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
- Nas mesmas falarase tamén do cometido de Sogama, do seu programa de compostaxe doméstica, ao que está adscrito o concello de Viveiro, do desperdicio alimentario e da contaminación mariña por plásticos.
Cerceda, a 13 de novembro de 2019.- Educadores de Sogama viaxarán mañá, 14 de novembro, a Viveiro (Lugo) para impartir diversas sesións formativas no CEIP Lois Tobío, que estarán dirixidas a escolares de distintos niveis educativos.
Baixo o título “A xestión dos residuos urbanos”, o obxectivo desta actividade é ensinar a 150 pequenos como trasladar á vida diaria o principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e buscar a súa complicidade para avanzar cara a un desenvolvemento máis sostible.
Darase conta dos comportamentos que deben despregarse para consumir de forma responsable, para minimizar a cantidade de refugallos producidos en distintos escenarios tales como a compra, o fogar, a escola e o tempo de lecer, para alongar a vida útil dos produtos e para separalos correctamente, unha vez convertidos en residuos, a fin de garantir o seu posterior reciclado.
Clarificaranse así os tipos de materiais a depositar en cada un dos contedores habilitados nas vías públicas: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e contedor verde convencional, para a fracción resto.
Así mesmo, os monitores explicarán a filosofía empresarial e cometido de Sogama, que se sustenta sobre os tres erres, propiciando a reciclaxe da parte susceptible de ser recuperada por esta vía e valorizando enerxeticamente o resto. De feito, a entidade xera, cos residuos non reciclables, a electricidade suficiente para abastecer o 12% dos fogares galegos.
Falarase igualmente do programa de compostaxe doméstica de Sogama, ao que o concello de Viveiro está adherido, constituíndo unha magnífica forma de recuperar a materia orgánica en orixe e convertela en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo.
E tamén farase un oco ao desperdicio alimentario e a necesidade de minoralo, toda vez que no mundo se refuga un terzo dos alimentos que se producen para o consumo humano, así como á contaminación mariña por plásticos e o seu negativo impacto para os ecosistemas mariños, a fauna, o turismo, a pesca e a propia alimentación humana
Saúdos, Departamento de Comunicación