- A súa obra “O mar vence o plástico” resultou gañadora pola súa alta calidade artística e mensaxe transmitida ao facerse eco dun problema de plena actualidade como é a contaminación mariña por plásticos e a necesidade de que todos colaboremos para lograr uns océanos limpos e saudables.
- O segundo premio foise para o CPR Plurilingüe Possumus de Vigo polo seu traballo “Marnica”, centrado tamén na degradación dos mares e inspirado na mensaxe que Picasso quixo transmitir co Guernica.
- O terceiro galardón recaeu no CEIP de San Cosme, pertencente ao concello lucense de Barreiros, coa súa obra “Santo Estevo e a súa fraga”.
- Con esta convocatoria pretendíase poñer de relevo o alto potencial que albergan os residuos e a posibilidade de convertelos en recursos, ata en verdadeiras obras de arte.
Cerceda, a 29 de maio de 2019.- Baixo a coordinación de Mercedes Cereijo Tuñas, á súa vez directora do CEIP Plurilingüe de Outes e a activa participación do profesor Adrián Rivero, especialista en plástica, este centro do municipio de Outes, na provincia da Coruña, logrou o primeiro premio do concurso escolar “Recíclate con Sogama” 2018-2019 coa súa obra “O Mar vence ao plástico”.
Elaborada por alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º curso de Educación Primaria, o obxectivo da mesma non era outro que recrear a contaminación oceánica por plásticos e concienciar á poboación no uso racional dun material non biodegradable con longa vida, reducindo o seu consumo e optando por alternativas máis sostibles.
A esta convocatoria podían presentar a súa candidatura os 25 colexios de primaria de toda Galicia adscritos ao programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia e cuxo obxectivo é instaurar a reciclaxe nas aulas e fomentar a práctica efectiva dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar).
Pretendíase así que os pequenos tivesen a oportunidade de comprobar por si mesmos o alto potencial que albergan os residuos e que chegasen a visualizalos como recursos, ata como verdadeiras obras de arte.
No caso do colexio de Outes, os materiais de refugallo utilizados na elaboración do traballo procedían dunha xornada de limpeza efectuada na praia de Broña, onde fixeron provisión de palets, poliestireno, madeira, cordas, botellas, palliñas, etc.
A obra recrea un monstro fabricado íntegramente con plásticos procedentes do areal e unha sirena elaborada con materiais naturais tales como conchas, piñas e palla, entre outros. A antítese da contaminación, o risco e a ameaza para o medio ambiente fronte á beleza do limpo e respectuoso coa contorna.
Desta forma, o centro coruñés quería evidenciar un problema que afecta á humanidade no seu conxunto e lanzar unha mensaxe de esperanza, convidando á cidadanía a rexeitar os plásticos dun só uso, a consumir con cordura e a optar por alternativas ecolóxicas e biodegradables.
Ademais do correspondente diploma acreditativo, o premio consiste nunha viaxe ao parque acuático de Cerceda e as entradas ao mesmo para que medio centode escolares deste colexio poidan gozar dunha merecida xornada de lecer e diversión.
SEGUNDO E TERCEIRO PREMIO: COLEXIOS POSSUMUS E SAN COSME
O segundo e terceiro galardón recaeron, respectivamente, no CPR Plurilingüe Possumus de Vigo, coa súa obra “Marnica”, que recrea igualmente a contaminación oceánica por plásticos inspirándose no Guernica de Picasso, e no CEIP de San Cosme de Barreiros (Lugo), co seu traballo “Santo Estevo e o seu Fraga”, que reproduce unha maqueta de Santo Estevo de Ermo, lugar da zona con moita vexetación autónoma e gran beleza.
Desde Sogama, as nosas máis sinceras felicitacións aos tres gañadores e, por suposto, aos magníficos traballos aportados por todos os centros que concorreron a este certame polo esforzo e a alta calidade dos seus proxectos.
Saúdos, Departamento de Comunicación