- No seu particular lugar de costura, os internos, baixo a batuta da profesora Lucía Rodil, e a supervisión do director da Escola de Adultos, Pedro Cantero, xa confeccionaron un bo número de bolsas con restos téxtiles.
- Os percheiros que balizan a aula semellan unha boutique eco de bolsas reutilizables con distintas formas, teas, cores e tamaños. Para todos os gustos.
- Aínda non decidiron a saída que darán a estas bolsas, pero si teñen claro que se repartirán nun evento medioambiental, social ou deportivo con fins solidarios.
- O espírito desta iniciativa non é outro que contribuír á loita contra a contaminación por plásticos e dar visibilidade a alternativas máis ecolóxicas e sostibles.
Cerceda, a 5 de xuño de 2019.- Desde que se lanzou o proxecto bautizado co lema “Unha segunda oportunidade”, a principios deste mesmo ano, o taller de costura da Escola de Adultos do centro penal de Monterroso (Lugo) non parou de traballar. Os internos, baixo a batuta da súa profesora, Lucía Rodil, e a supervisión do director, Pedro Cantero, levaron a cabo un intenso labor de reutilización.
Unha vez feita provisión dun considerable número de prenda fóra de uso (batas de enfermería, pantalóns vaqueiros e outros artigos téxtiles), xa confeccionaron as súas primeiras bolsas, 100% ecolóxicas.
De distintas formas, tamaños e cores, os colgadoiros da aula de costura semellan unha boutique eco na que calquera consumidor podería atopar unha bolsa adaptada aos seus gustos e necesidades. Tal e como asegura Cantero “faltan detalles, remates”, pero as bolsas, xa de seu, teñen ese punto de distinción que identifica o traballo feito con agarimo, con entusiasmo e coa esperanza de que será apreciado e valorado.
Aínda non se definiu o cando nin o como pero as bolsas verán a luz na rúa. Quizais nalgún punto de encontro específico cos cidadáns, quizais preto dunha superficie comercial ou quizais nun evento deportivo, social ou medioambiental cun fin solidario. E sempre co mesmo espírito: aportar un pequeno gran de area na loita contra a contaminación por plásticos e apostar por alternativas sostibles nas que cobre protagonismo a reutilización.
COSER, CICATRIZAR E CREAR
Coser ten un significado especial na escola monterrosina. Significa compoñer, unir, crear, cicatrizar e todo iso nun ambiente de traballo en equipo que comparte esforzo, tesón e ilusión en que este labor acabe vendo a luz, do mesmo xeito que outras iniciativas anteriores nas que o centro foi pioneiro e exemplar.
Neste sentido, cabe recordar o seu programa de compostaxe doméstica e vermicompostaxe para a posta en valor da materia orgánica xerada nos comedores da institución, o seu invernadoiro ecolóxico, fabricado con milleiros de botellas plásticas fóra de uso, a súa horta ecolóxica, na que cultivan diferentes produtos e abonan co compost obtido, e a súa iniciativa “Don´t waste food” (A comida non se tira”), coa que “meteron o dente” ao desperdicio alimentario logrando que este fose reducido en aproximadamente un 30% con boas prácticas.
Un dos principais expoñentes deste proxecto foi a edición do libro “Saboroso reciclaxe”, que aglutina máis de 60 receitas de cociña con sobras de comidas das que son autores o cociñeiro do centro e o propio Pedro Cantero.
Monterroso é, por riba de todo, un centro penitenciario exemplar que non cede ao desalento, que non dá tregua á inacción e que loita día tras día por abrir a porta ao cuarto erre que escribe con maiúsculas : o da REINSERCIÓN.
Saúdos, Departamento de Comunicación