- Considera que a UE debe centrarse no cambio climático, a diXitalización, o Estado de Dereito e a globalización, así como adoptar un novo sistema de gobernanza que achegue máis estreitamente ás organizacións da sociedade civil.
- Pide unha estratexia global ata 2050 en materia de sostibilidade para aplicar a Axenda 2030 das Nacións Unidas e os seus ODS.
- Así mesmo, móstrase disposto a participar activamente na Conferencia sobre o futuro de Europa proposta pola Sra. von der Leyen para 2020.
Cerceda, a 18 de novembro de 2019.- O Comité Económico e Social Europeo (CESE) presentou o pasado mes a súa contribución ao programa de traballo da Comisión Europea para os próximos cinco anos, destacando que esta debe centrarse no cambio climático, a dixitalización, o Estado de Dereito e a globalización, así como adoptar un novo sistema de gobernanza que achegue máis estreitamente ás organizacións da sociedade civil.
Entende que o desenvolvemento sostible debe ocupar un lugar prioritario e recomenda á CE que organice en torno a este alicerce o seu futuro programa de traballo para 2020 e máis aló. É por isto que pide unha estratexia global da UE ata 2050 en materia de sostibilidade co fin de aplicar a Axenda 2030 das Nacións Unidas e os seus dezasete Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)
O presidente do Comité, Luca Jahier, móstrase convencido da necesidade de actuar en todos os niveis de forma simultánea e crear unha dinámica de acción para afrontar os urxentes retos medioambientais, económicos e sociais.
PROPOSTA PLAN DE ACCIÓN
Neste escenario, o CESE insiste na necesidade de construír un futuro máis ecolóxico, xusto e integrador no que a protección do medio ambiente sexa unha prioridade e se integre en todas as políticas da UE, debendo ter tamén unha dimensión social.
Así mesmo, defende que Europa necesita promover un desenvolvemento económico capaz de ofrecer emprego pleno e produtivo, así como traballo digno para todos. O mercado único é o elemento esencial da integración europea, pero, a xuízo do CESE, debe completarse, revitalizarse e actualizarse a fin de converterse nun mercado único dixital.
Considera igualmente que deben promoverse a paz, a xustiza e as institucións sólidas da UE para protexer aos cidadáns e as liberdades.
No ámbito da globalización, posiciónase a favor de que Europa asuma un liderado mundial mediante o apoio constante e firme a unha orde global multilateral baseada en normas e articulada en torno ás Nacións Unidas.
Sinala tamén que resulta fundamental contar cunha nova estrutura de gobernanza, así como con novos instrumentos para elaborar e aplicar as políticas da UE.
O Comité Económico e Social lidera e facilita a participación da sociedade civil nos asuntos da UE, empoderando, involucrando e consultando ás organizacións de base que, á súa vez, desempeñan un papel fundamental á hora de deseñar, executar e seguir as políticas en todas as etapas e a todos os niveis, incluído o local.
Neste escenario, o CESE móstrase disposto a participar activamente na Conferencia sobre o futuro de Europa proposta pola Sra. von der Leyen para 2020.
Fonte: CESE
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación