- Para materializar a súa iniciativa contará cunha axuda de 38.560,29 euros concedida pola Consellería de Educación.
- A súa firme aposta pola innovación levoulle a ser o segundo centro de toda Galicia con máis galardóns acumulados este ano.
- Unha das súas firmes apostas é levar a cabo unha xestión sostible dos residuos a fin de que estes poidan ser convertidos en recursos, xerando ao mesmo tempo emprego e actividade económica.
- O proxecto configúrase como unha especie de simbiosesindustrial na que todo ten utilidade dentro dun círculo que xa empezou a xirar na procura da sostibilidade.
Cerceda, a 13 de xuño de 2019.- O traballo incansable, o esforzo e o tesón víronse recompensados e o CIFP Manuel Antonio de Vigo, todo un referente no ámbito educativo, foi recoñecido por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional polo seu Proxecto de Innovación de Economía Circular aplicada a residuos, ao que dará forma grazas a unha axuda de 38.560,29 euros, posicionándose así como o centro que recibe a maior achega económica neste tipo de convocatorias.
Con este impulso, a comunidade educativa do CIFP Manuel Antonio afronta con ilusión, e tamén con moita responsabilidade, uns meses nos que o traballo verase notablemente intensificado, pero cun obxectivo claramente definido: demostrar cada día que os residuos pódense converter en recursos sempre e cando reciban a xestión axeitada nun marco de economía circular; un modelo de desenvolvemento no que se ten en conta o ciclo de vida dos produtos e vélase polo máximo aproveitamento dos mesmos para evitar ou, alomenos diminuír, o consumo dos xa limitados e escasos recursos naturais, xerando ao mesmo tempo actividade económica e emprego.
A súa firme aposta pola innovación levoulle a ser o segundo centro de toda Galicia con máis galardóns acumulados este ano.
DE RESIDUO A MATERIA PRIMA
De todas as iniciativas que levarán a cabo, a de residuos probablemente sexa a que esixa máis cambios, xa que o obxectivo é transformalos noutros artigos que resulten de utilidade nos diferentes ciclos académicos e lles permitan autoabastecerse. Así, o plástico será convertido en fíos que alimenten as impresoras 3D que empregan para próteses dentais ou auditivas, ou ben en pezas destinadas a área de automoción.
Pola súa banda, a gran cantidade de refugallos orgánicos que producen os ciclos de Hostalaría e Turismo serán convertidos en compost co que abonarán máis de 50.000 metros de xardín. Pero para este abono tamén teñen reservado outro uso, o cultivo de flores comestibles e de litoral que usan nos seus pratos, contemplando igualmente a plantación de millo de variedades autóctonas que porán a disposición do consumidor.
Así mesmo, elaborarán pan envasado ao baleiro e outros produtos saudables que poderán ter perfecto encaixe, por exemplo, en máquinas de vending. Un traballo en cadea no que tamén colaboran outras entidades como é o caso da Escola de Canteiros de Poio, que construíu un forno de pan tradicional, mentres que o IES A Guía realizou o estudo de mercado e o IES de Teis desenvolverá unha aplicación para que o comprador poida ver a trazabilidade do produto mediante QR.
O cartón xerado terá unha nova vida como é a embalaxe, mentres que os restos de téxtil empregaranse cono recheo para as tapicerías.
E isto enmarcado nunha especie de simbiose industrial na que todo ten utilidade dentro dun círculo que xa empezou a xirar na procura da sostibilidade.
Desde Sogama, os nosos máis sinceros parabéns a un centro exemplar que foi capaz de ver os residuos como fonte de recursos incorporando o concepto de economía circular á formación de futuros adultos que mañá tomarán decisións de peso no coidado dunha contorna seriamente ameazada polo cambio climático e as malas prácticas que aínda persisten do xa obsoleto e caduco modelo lineal de usar e tirar.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación