- Monitores de Sogama viaxarán mañá á cidade olívica para impartir varias sesións formativas nas que participarán preto de 200 escolares.
- Nas mesmas bordaranse cuestións de gran relevancia tales como o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), a diminución do desperdicio alimentario, a contaminación por plásticos, a compostaxe da materia orgánica e, por suposto, a actividade industrial desta empresa pública.
Cerceda, a 21 de outubro de 2019.- Monitores de Sogama viaxarán mañá a Vigo para impartir varias sesións formativas no colexio Compañía de María nas que participarán preto de 200 escolares.
Consciente da importancia de instruír na protección da contorna aos adultos do mañá, este centro aposta por incluír, con carácter transversal, a educación medioambiental na súa estratexia pedagóxica, considerando que o consumo responsable e a correcta xestión dos residuos producidos constitúe o primeiro paso a dar.
PRACTICAS RESPONSABLES
Neste marco, os educadores ao servizo desta entidade pública abordarán cuestións de gran relevancia tales como as boas prácticas vinculadas ao principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), a correcta separación de residuos en orixe para posibilitar a súa posterior recuperación, o desperdicio alimentario, a contaminación por plásticos cando estes son abandonados na contorna, a compostaxe da materia orgánica e, por suposto, a actividade industrial de Sogama.
O consumo consciente e informado constitúe a primeira premisa a seguir, debendo realizar unha lista previa da compra co estritamente necesario e na que se priorice a adquisición de produtos a granel, evitando os envases e embalaxes superfluos, e levando a propia bolsa da casa á compra.
O desperdicio alimentario séguese incrementando de forma exponencial, sendo o fogar un dos principais ámbitos que contribúen a este fenómeno. Un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban malgastados, de aí a necesidade de revisar a despensa e a neveira para consumir antes os artigos máis antigos, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús. Pequenos xestos para poñer coto a un problema con graves consecuencias ambientais, económicas, sociais e morais.
E para o desperdicio alimentario non comestible e os restos de podas, a compostaxe constitúe unha excelente solución. No caso de vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost, a transformación da materia orgánica en abono pode evitar que o 42% dos residuos acaben no contedor verde convencional, co conseguinte aforro.
Respecto dos plásticos, Sogama recorda que se trata dun material que tarda séculos en degradarse na contorna, con graves consecuencias para os ecosistemas, a fauna e a propia saúde humana. Así as cousas, deben evitarse os plásticos superfluos de usar e tirar e optar por alternativas máis respectuosas co medio ambiente. Ademais, cando acaban nos océanos constitúen unha importante fonte de contaminación para a pesca, o turismo e os animais mariños, que o inxiren ao confundilo con alimento.
A AXUDA DE SOGAMA
Igualmente, explicarase o cometido de Sogama, centrado na selección dos materiais depositados pola cidadanía no contedor amarelo para remitilos aos recicladores, así como no tratamento do lixo procedente do contedor verde convencional, separando a parte reciclable para o seu envío á industria transformadora, e convertendo o resto nun combustible CDR co que xera a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Saúdos, Departamento de Comunicación