- Situado na periferia da cidade, acolle a alumnado de infantil e primaria, dispoñendo tamén de dúas aulas específicas de integración de nenos e nenas con autismo e parálise cerebral.
- Conta cunha horta escolar que se erixe en punto de encontro e de contacto coa natureza e en cuxo coidado colabora o conxunto do alumnado.
- A reciclaxe da materia orgánica en orixe contribuirá a que este espazo verde sexa máis fértil e produtivo.
- De forma paralela, o centro quere involucrarse na reciclaxe e para isto comprometéronse en separar os residuos en orixe por tipoloxías e a depositalos nos contedores correspondentes.
Cerceda, a 8 de outubro de 2019.- O CEIP Fonte Escura de Vigo é un colexio moi especial e todo un exemplo de diversidade, integración, igualdade e responsabilidade ambiental. A coordinadora da horta escolar, Lourdes Abellán Ruiz, refírese a este centro como “apaixonante, cheo de nenos e nenas moi diversos”, que requiren tempo, atencións e moita dedicación.
Situado na periferia da cidade, acolle a alumnado de infantil e primaria, dispoñendo tamén de dúas aulas específicas de integración de nenos e nenas con autismo e parálises cerebral.
Neste escenario, a horta eríxese en punto de encontro e reunión, nun lugar común de expresión libre e contacto coa natureza no que os pequenos aportan o seu gran de area no coidado dunha terra que logo dá froitos; o resultado dun traballo coordinado, solidario e colaborativo que non entende de diferenzas, senón de integración, ilusión, empeño e entusiasmo.
A fin de posibilitar o acceso dos alumnos/as que se desprazan en cadeiras de rodas e andadores, a horta dispón de rampas e este ano, tal e como explicou Lourdes Abellán, pretenden facer un bancal elevado para facilitar a manipulación por parte daqueles escolares con dificultades de mobilidade.
A recuperación da materia orgánica en orixe, a través do composteiro subministrado por Sogama, contribuirá a que a horta sexa máis fértil e produtiva, e que toda a comunidade educativa participe no proceso de transformación dos restos orgánicos nun compost de alta calidade que actuará como nutriente natural das plantas.
POTENCIAR A RECICLAXE
De forma paralela, o centro quere involucrarse na reciclaxe e para isto comprometéronse a separar os residuos por tipoloxías e a depositalos nos contedores correspondentes para que poidan ser recuperados e convertidos en novos produtos, contribuíndo desta forma a preservar os escasos recursos naturais.
A loxística xa está organizada: grupos de estudantes, acompañados dos seus profesores, turnaranse cada venres para levar os refugallos, xa clasificados, aos recipientes de destino.
Aproveitando a Semana Mundial sobre o Clima, o alumnado deste centro aportou interesantes reflexións sobre a loita que a sociedade debe librar para combater o cambio climático; unha loita sen cuartel na que todos debemos participar para preservar o presente e o futuro das novas xeracións, así como a vida no planeta.
Neste sentido, Abellán Ruiz manifestou a satisfacción que reportou ao profesorado coñecer as opinións e as conclusións dos seus nenos sobre a necesidade de salvar o medio ambiente.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación