- Así o destacou, nunha entrevista recollida no último número da Newsletter de Sogama, Lourdes Abellán Ruiz, profesora de Audición e Linguaxe neste centro vigués, que participou o pasado curso académico no programa “Recíclate con Sogama”.
- Unha das principais características do CEIP Fonte Escura é, tal e como asegurou, a diversidade e o respecto, dispoñendo de dúas aulas de educación especial que escolarizan a nenos e nenas con discapacidade motora e autismo.
- Tal é o seu compromiso ambiental e social que, ao comezo da pandemia do coronavirus, e ante a escaseza de medios de protección, decidiron axudar aos sanitarios a través da fabricación artesanal de 150 pantallas protectoras que entregaron no hospital Álvaro Cunqueiro, así como en tres residencias de anciáns da cidade.
Cerceda, a 10 de novembro de 2020.- Nunha entrevista recollida no último número da Newsletter corporativa de Sogama, Lourdes Abellán Ruiz, profesora de Audición e Linguaxe no CEIP Fonte Escura de Vigo, un dos 25 centros de primaria que o pasado curso académico participaron no programa “Recíclate con Sogama”, amosouse satisfeita con esta experiencia polos beneficios que reportou ao centro.
En primeiro lugar, aludiu á propia formación do profesorado eido da educación ambiental, o coñecemento adquirido polo alumnado respecto da reciclaxe e, por suposto, os medios materiais e didácticos subministrados por Sogama para que o colexio puidese levar a cabo o seu proxecto. É o caso dos contedores de recollida selectiva, o composteiro, as bolsas de cores para a separación de residuos e o apoio proporcionado pola plataforma pedagóxica “Caderno Verde” durante o período de confinamento imposto polo COVID-19.
Unha das principais características e riqueza do CEIP Fonte Escura é, tal e como asegurou Abellán Ruiz, a diversidade e o respecto, dispoñendo de dúas aulas de educación especial que escolarizan a nenos e nenas con discapacidade motora e autismo, contando igualmente con alumnado xitano que habita nun barrio moi próximo a esta escola, á que cualifica como “un arcoíris de diversidade que nos enriquece e invádenos cos seus matices de claros e sombras”.
Detalla a ledicia que supuxo constatar como todos os pequenos participaron, sen excepción e malia as súas circunstancias persoais, nas tarefas de reciclaxe semanas, abordando unha transición de Fonte Escura a Fonte Verde que, como é lóxico, aínda tardará un tempo en materializarse.
Considera unha prioridade modificar a propia fisonomía do centro, onde predomina o cemento, botando de menos a posibilidade de contar con árbores, herba, plantas, etc. Se ben este tipo de obras supoñen un custo moi elevado, non perden a esperanza. De feito, en cursos pasados decidiron mellorar os espazos exteriores coa elaboración, a partir de materiais reciclados, de elementos de xogo e áreas de descanso para os escolares e familias, preparando tamén o acceso á súa horta para nenos con dificultades físicas.
COMPROMISO SOCIAL
Ao comezo da pandemia do coronavirus, e ante a escaseza de medios de protección, decidiron axudar aos sanitarios a través da fabricación artesanal de 150 pantallas protectoras que entregaron no hospital Álvaro Cunqueiro e en tres residencias de anciáns de Vigo. Unha experiencia que cualificou de moi gratificante para todo o claustro. Agora elaboran máscaras de teas para o alumnado máis desfavorecido do centro.
Debido á crise sanitaria, aínda teñen actividades pendentes de culminar, por exemplo colgar todas as casetas e comedeiros de paxaros, e concluír o hotel de insectos. Este curso primarán as accións ao aire libre e no seu programa curricular seguirá estando moi presente “a reciclaxe, o coidado da contorna e o contacto coa natureza co fin de propiciar o amor e respecto por ela”.
Desde Sogama, os nosos máis sinceros parabéns para este centro exemplar.
Saúdos, Departamento de Comunicación