- A fin de aportar o seu gran de area, as profesoras deste centro, adscrito ao programa “Recíclate con Sogama”, decidiron poñerse mans á obra e, co plástico que utilizan nas aulas para distintas actividades, así coma co velcro e teas que atoparon nas súas casas, conseguiron elaborar 150 mascarillas que repartiron de forma prioritaria en residencias de anciáns.
- Aseguran botar moito de menos aos seus pequenos, aos que seguen instruíndo e animando na distancia para que a ilusión do reencontro non decaiga.
Cerceda, a 14 de abril de 2020.- O colexio Fonte Escura de Vigo é un dos 25 centros que este curso participa no programa “Recíclate con Sogama”. O seu traballo, tesón e dedicación non ten límites, como tampouco os ten a profesionalidade, sensibilidade e solidariedade das súas profesoras. A diario forman e atenden a un alumnado moi diverso no que se integran pequenos con diversas discapacidades, tanto físicas como intelectuais, así como outros con distintas problemáticas familiares e de socialización. Son unhas auténticas heroínas que se dedican en corpo e alma a estes nenos e nenas que necesitan todo o seu apoio e afecto para ir crecendo coa maior seguridade posible e abrirse paso ao futuro.
Nesta etapa de confinamiento que nos tocou vivir como consecuencia da pandemia do COVID-19, confesan botar moito de menos aos seus alumnos e preocúpanse cada día por saber se se atopan ben e animados, e se seguen estudando e aprendendo na distancia.
Lamentan que distintos proxectos pedagóxicos aos que dedicaban boa parte do seu tempo quedaran en “stand by”, pero o seu interese, lonxe de desvanecerse, refórzase, organizando para os seus pupilos tarefas motivadoras que lles permitan avanzar na súa aprendizaxe e que os manteñan entretidos e ilusionados co seu regreso ás aulas.
A conexión social foi sempre una das principais cualidades deste centro, tendo nos maiores un punto de referencia. O contacto coa residencia de Barreiro, en Vigo, era permanente e levaban a cabo diversas actividades cun colectivo, os anciáns, que hoxe é especialmente vulnerable á pandemia.
Dada a falta de elementos de protección, especialmente ao comezo da crise, as mestras de Fonte Escura, sempre coa súa extraordinaria vena solidaria, decidiron facer uso de todo o plástico que utilizan na escola para diversas actividades, así como do velcro e teas que atoparon nas súas casas, e elaborar un total de 150 mascarillas, das cales unha parte foron entregadas en residencias de maiores a fin de axudar aos cuidadores a protexerse mellor nun momento de escaseza de recursos e outra parte ao hospital de Vigo. Todo un xesto de reciclaxe solidaria e exemplar.