
- Máis de medio cento de escolares de 2º de ESO tiveron a oportunidade de coñecer o Complexo Medioambiental de Cerceda, onde a empresa trata os residuos a través dun proceso no que prioriza a reciclaxe, que complementa coa recuperación enerxética da parte non reciclable
- O alumnado foi atendido por educadores especializados e, logo das explicacións recibidas, tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual polas distintas instalacións que conforman esta infraestrutura para ver, coa maior proximidade posible, pero desde a máxima seguridade e confort, toda a operativa
Cerceda, a 24 de marzo de 2025.- O colexio “La Inmaculada” de Marín (Pontevedra) organizou unha viaxe a Sogama para que máis de medio cento de escolares de 2º de ESO se formasen en reciclaxe desde unha dimensión teórico-práctica.
Atendidos por educadores especializados, o alumnado recibiu unha charla, apoiada con distintos recursos didácticos, na que se explicou a problemática inherente á elevada produción de residuos nas sociedades modernas, como levar a cabo un consumo responsable e consciente, e, unha vez que os refugallos foron producidos, como xestionalos de forma sostible.
Con tal fin, incidiuse na práctica diaria do principio dos tres erres, que debe dar comezo coa redución da xeración de residuos, proseguir coa reutilización dos produtos o maior número de veces posible, alongando desta forma a súa vida útil, e culminar coa reciclaxe a través dunha correcta separación dos materiais en orixe, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente; un xesto indispensable para que os residuos se convertan en recursos e se reincorporen ao circuíto comercial cunha nova vida, propiciando desta forma un aforro de materias primas virxes e enerxía.
Así mesmo, coñeceron polo miúdo a xestión de Sogama, que prioriza a reciclaxe, levando mesmo a cabo unha selección dos refugallos contidos na bolsa negra susceptibles de ser reciclados pero que, por erro ou descoñecemento por parte do cidadán, non foron introducidos nos contedores de recollida selectiva axeitados. Para isto, a empresa, servíndose das últimas tecnoloxías dispoñibles, desenvolve esta tarefa de clasificación nunha planta que opera en liña coa industria 4.0.
Coa parte non reciclable, acondiciona un combustible CDR que valoriza enerxeticamente nunha planta termoeléctrica para producir enerxía renovable coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Espazo lúdico
Os estudantes tiveron a oportunidade de reforzar as explicacións recibidas a través dunha visita inmersiva, para a que foron equipados con lentes 360º, e que lles permitiu desprazarse virtualmente polas distintas instalacións que conforman o complexo cercedense para ver, coa maior proximidade posible, todos os procesos industriais, pero desde a máxima seguridade e confort.
Como complemento a todo o anterior, pero xa nun ambiente máis lúdico, o alumnado de Marín participou en distintos xogos didácticos e competiu en coñecementos de reciclaxe coas máquinas Arcade.
Saúdos, Departamento de Comunicación