- Farao, da man do Concello, a través da campaña promovida por Sogama e bautizada co lema “Corta polo san! Reduce residuos”.
- Educadores ao servizo desta empresa pública impartirán mañá, día 20, ás 11:00 horas, unha sesión formativa neste centro, contando coa presenza e apoio de Jorge Pumar, Tenente Alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente.
- Abordaranse as boas prácticas vinculadas ao consumo responsable e á menor produción de residuos en diferentes escenarios e prestarase atención á compostaxe doméstica.
Cerceda, a 19 de novembro de 2019.- O colexio “Padre Feijoo” de Ourense participa na Semana Europea da Prevención de Residuos, que deu comezo o pasado día 16 e estenderase ata o próximo 24 de novembro, e faino da man do propio Concello e Sogama a través dunha campaña promovida pola empresa pública que leva por título “Corta polo san! Reduce residuos”.
O principal obxectivo desta iniciativa é trasladar aos escolares as boas prácticas vinculadas ao consumo responsable e á menor xeración de refugallos, toda vez que a redución, seguida pola reutilización e a reciclaxe, constitúen o cimento da xestión sostible dos residuos urbanos.
Desta forma, mañá, ás 11:00 horas, educadores ao servizo da Sociedade Galega do Medio Ambiente impartirán no colexio ourensán unha sesión formativa que estará apoiada con diversos recursos didácticos e divulgativos a fin de que, dunha forma amena e divertida, os pequenos tomen boa nota de consellos e recomendacións claves para diminuír a produción de residuos en escenarios tan diversos como a escola, o fogar, a compra, o tempo de lecer, etc.
Jorge Pumar, Tenente Alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente, tamén asistirá a esta cita para enxalzar a necesidade de que a prevención e a redución sexa o primeiro mandamento a seguir, tendo en conta a máxima de que “o mellor residuo é o que non se produce”.
MENOS É MÁIS
Entre outras cuestións, prestarase atención ao desperdicio alimentario por representar unha problemática de primeira magnitude, tanto respecto da propia xeración de lixo, como ao consumo irracional de recursos naturais. De feito, no mundo desperdíciase cada ano un terzo dos alimentos que se producen para o consumo humano, sendo o fogar, cun 42%, un dos ámbitos que máis contribúen a este fenómeno. O pan, a pasta, as verduras, as hortalizas e as froitas atópanse entre os produtos que, con máis frecuencia, acaban arroxados ao cubo do lixo.
Intentarase explicar ao alumnado que, cando se tira un tomate, ademais de xerar un residuo, tírase pola borda os recursos utilizados para o seu cultivo e comercialización, é dicir, a terra, a auga, a enerxía, o combustible, a loxística do transporte e o traballo dos agricultores.
Tamén se falará da necesidade de priorizar as compras a granel e, na medida do posible, de fuxir dos embalaxes excesivas, absolutamente innecesarias en moitas ocasións
A compostaxe doméstica figura igualmente na axenda de contidos a abordar, xa que representa unha magnífica forma de prevención. De feito, Ourense é un dos municipios adscritos ao programa de autocompostaxe de Sogama e conta a día de hoxe con máis de 300 familias que xa están compostando e, polo tanto, pechando o círculo de aproveitamento da materia orgánica a través da súa conversión en compost, un abono natural de alta calidade para o solo e cun extraordinario poder fertilizante.
Cara ao final da sesión reservarase un espazo para o coloquio, onde os escolares poderán consultar todas as súas dúbidas, expoñer as súas opinións e propoñer melloras que, a bo seguro, resultarán de gran interese.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación