- Os educadores ao servizo desta entidade pública desprazaranse ao centro o vindeiro luns, 16 de setembro, onde impartirán unha charla a partir das 13:00 horas.
- Á mesma asistirán en torno a 385 mozos de ESO e Bacharelato para adquirir as nocións básicas na protección do medio ambiente a través da xestión sostible dos residuos.
- Abordaranse temáticas de gran interese tales como o desperdicio alimentario, a compostaxe, a actividade industrial de Sogama e a contaminación por plásticos.
Cerceda, a 13 de setembro de 2019.- Trala invitación trasladada polo colexio Sagrado Corazón de Pontevedra, os educadores de Sogama estarán presentes na apertura do novo curso académico 2019-2020. Con tal fin, desprazaranse ao centro o vindeiro luns, 16 de setembro, para impartir, ás 13:00 horas, unha sesión formativa centrada na educación ambiental, temática que guiará o traballo do Sagrado Corazón durante os próximos meses.
En torno a 385 mozos de ESO e Bacharelato estarán presentes na xornada para tomar nota das boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos en distintos escenarios: as aulas, o fogar e o tempo de lecer.
Así, profundarase na estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) como elementos básicos a incorporar á vida cotiá dos cidadáns, insistindo na importancia dun consumo responsable a través do cal se adquira unicamente o necesario e se prioricen produtos respectuosos coa contorna e minimamente envasados.
ALGUNHAS CLAVES
E aquí cobra relevancia a diminución do desperdicio alimentario, toda vez que se refuga un terzo dos alimentos que se producen a nivel mundial para o consumo humano. Se ben as perdas teñen lugar ao longo de toda a cadea, o certo é que o fogar contribúe a este fenómeno cun 42%.
Revisar a despensa e a neveira para consumir antes os artigos máis antigos, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, adaptar as racións de comida ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús, constitúen medidas que contribuirán a minorar a cantidade de comida que cada día acaba arroxada ao cubo de lixo.
E para o desperdicio alimentario non aproveitable, unha boa opción, no caso de vivendas unifamiliares con terreo (horta ou xardín), é sometelo a compostaxe. Sogama xa repartiu preto de 10.600 composteiros entre máis de 300 entidades, atopándose entre as mesmas un cento de centros educativos de distintos perfís.
Os monitores falarán tamén da actividade de Sogama e das vantaxes que suporá a ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, xa que permitirá tratar en condicións óptimas os residuos urbanos procedentes dos 295 concellos adscritos ao seu modelo, multiplicar por catro a achega á reciclaxe e alcanzar no ano 2020 ao vertido técnico cero. Isto significa que só se depositará en vertedoiro aquela parte dos refugallos que non se poida reciclar nin recuperar enerxeticamente.
Reservarase igualmente un espazo para abordar a contaminación mariña por plásticos, cun negativo impacto cando son abandonados na contorna natural. Provocan danos nos ecosistemas mariños, pero tamén á fauna, que os inxire ao confundilos con alimento, ocasionándolles moitas veces a morte. Igualmente, representan unha seria ameaza para a pesca, o turismo e a propia alimentación humana, xa que os microplásticos regresan ás nosas mesas a través do peixe que comemos e o sal co que aderezamos os nosos pratos.
Saúdos, Departamento de Comunicación