- Na súa construción artesanal empregaron 1.500 botellas plásticas de auga fóra de uso, facendo efectivo o principio de reutilización, básico na xestión sostible dos residuos urbanos.
- Cultivan no mesmo distintos produtos que logo consumen no comedor escolar, promocionando así unha alimentación san e equilibrada.
- De forma complementaria, e co loable obxectivo de minimizar o uso de auga, o centro puxo en marcha un recolle-augas para aproveitar as precipitacións e regar as plantas que se atopan tanto no propio invernadoiro como en exteriores.
- San Cosme é un dos 25 centros de toda Galicia que participan no programa educativo “Recíclate con Sogama”. Fanno co seu proxecto “Elixe ben”.
Cerceda, a 24 de xaneiro de 2019.- O colexio San Cosme de Barreiros (Lugo) sorprendeunos con esta magnífica obra: un invernadoiro 100% reciclado en cuxa fabricación artesanal empregaron 1.500 botellas plásticas de auga fóra de uso e no que actualmente que cultivan distintos produtos tales como leitugas, acelgas, tomates, calabacines, aromáticas, etc, que logo consumen no seu propio comedor escolar, propiciando así unha alimentación plenamente saudable e equilibrada.
Facer acopio de semellante cantidade de botellas non foi tarefa fácil e a implicación das familias resultou fundamental para alcanzar este obxectivo.
Hoxe, este pequeno colexio de tan só unha trintena de alumnos e alumnas, pode presumir de contar cun invernadoiro exemplar que, non só serve para cultivar distintos artigos, senón que leva implícita unha profunda mensaxe medioambiental, logrando co mesmo transformar residuos en recursos e darlles unha nova utilidade cun fin ecolóxico.
Cada día, os pequenos, axudados polos seus profesores, coidan con esmero o invernadoiro que fabricaron coas súas propias mans e que se integrou no propio currículo académico do centro.
De forma complementaria, e co loable obxectivo de minimizar o consumo de auga, o centro puxo en marcha un recolle-augas para aproveitar as precipitacións e regar as plantas que se atopan tanto no propio invernadoiro como nas da horta exterior.
Ata agora, a terra nutríanna con abono de ovella proporcionado por familiares dos escolares. Dado que agora contan cun composteiro, xa están en condicións de elaborar compost a partir da materia orgánica producida no comedor e utilizalo como abono no invernadoiro.
Pero o compromiso medioambiental de San Cosme non é novo, senón que emerxeu e afianzouse anos atrás. Tanto é así, que na edición 2016-2017 gañou o premio provincial (Lugo) do programa Voz Natura, impulsado pola Fundación Fernández Latorre co proxecto “Quen lle teme ao frío”.
Actualmente, é un dos 25 centros que participan na actual edición do programa educativo “Recíclate con Sogama ”. Fanno co seu proxecto “Elixe ben”, no que están traballando ao máximo co fin de contribuír a facer fronte á problemática representada pola alta produción de residuos e a necesidade de darlles un correcto tratamento.
Saúdos, Departamento de Comunicación