- O aumento do nivel do mar representa unha seria ameaza para moitos dos Estados insulares do Pacífico, co agravante engadido de que estas nacións teñen economías fráxiles e escasos recursos para facer fronte aos cada vez máis frecuentes eventos climáticos.
- Un recente estudo do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, a Unión Europea e outros aliados, demostrou que o aumento do comercio de tecnoloxías que respecten o medio ambiente pode desempeñar un papel importante no apoio á acción climática e a construción de resiliencia, facilitando a transición cara a economías máis circulares.
Cerceda, a 4 de setembro de 2019.- Os Estados insulares do Océano Pacífico son particularmente vulnerables aos efectos do quecemento global. O aumento do nivel do mar representa unha seria ameaza para moitas destas comunidades, co agravante engadido de que, en termos xerais, estas nacións teñen economías fráxiles e escasos recursos para facer fronte aos cada vez máis frecuentes eventos climáticos.
O Informe Global de Riscos 2018 outorgoulle a Vanuatu a cualificación máis alta de risco de desastre e situou a Tonga en segundo lugar debido á exposición das illas a eventos naturais extremos como ciclóns ou terremotos. De feito, 9 Estados insulares atópanse entre os 15 países con maior risco de desastres.
A distancia das illas do Pacífico, o pequeno tamaño dos seus mercados e os escasos recursos dispoñibles propician que o comercio sexa custoso e vulnerable fronte a axentes externos como os desastres climáticos e as flutuacións nos prezos das materias primas.
O comercio pode desempeñar un papel fundamental na creación de sistemas máis resilientes ao facilitar o intercambio de bens, servizos e tecnoloxías deseñados para axudar ás nacións a mitigar o cambio climático.
Un recente estudo do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, a Unión Europea e outros aliados, demostrou que o aumento do comercio de tecnoloxías que respecten o medio ambiente -como as relacionadas con enerxías renovables e xestión de residuos e auga-, pode desempeñar un papel importante no apoio á acción climática e a construción de resiliencia, así como facilitar a transición cara a economías máis verdes e circulares.
A iniciativa de Axuda para o Comercio (AfT), encabezada pola Organización Mundial do Comercio, está deseñada para acompañar aos países en desenvolvemento a superar as súas limitacións e participar no intercambio mundial de mercancías. O obxectivo é converter o sistema comercial global nunha ferramenta poderosa para que as nacións máis pobres do mundo alcancen os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas.
O Cume sobre a Acción Climática que se celebrará en Nova York o próximo 23 de setembro ofrece aos Estados Membros a oportunidade de asumir compromisos concretos sobre a redución de emisións para frear o quecemento global. O secretario xeral da ONU, António Guterres, manifestou que se necesitará "unha acción audaz e unha maior ambición" para limitar o aumento global de temperatura a 1,5°C e evitar os peores efectos do cambio climático.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación