
- Así se pronunciou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, con motivo da súa participación nunha das mesas redondas incluídas no acto de presentación do informe “O potencial económico do sector da xestión dos residuos en España”, publicado pola Fundación Fórum Ambiental
- Durante a súa intervención, incidiu na necesaria colaboración entre administración, empresas e cidadáns para contribuír a unha xestión máis eficiente dos residuos, así coma no papel que esta xestión pode desempeñar para xerar riqueza e emprego, ademais de ser unha extraordinaria ferramenta na loita contra o cambio climático
Cerceda, ao 14 de marzo de 2025.- Onte presentouse na sede de Caixa Fórum, en Madrid, o informe que, baixo o título “O potencial económico do sector da xestión dos residuos en España”, publicou a Fundación Fórum Ambiental, e no que se detalla, con datos e cifras, a achega da xestión dos residuos á economía do noso país. No mesmo destácase que esta actividade xera máis de 41.000 M€ en ingresos e achega un Valor Engadido Bruto (VAB) superior aos 10.000 M€, o que equivale ao 4,9% do VAB industrial español, coa particularidade de que dá emprego directo a 168.397 persoas, cifra que vén arepresentar o 7,1% da ocupación industrial.
Estes datos veñen a acreditar as grandes posibilidades deste sector, que emerxe como un pilar estratéxico para a economía e a sostibilidade nacional. Con todo, e no marco dos obxectivos de redución, reutilización e reciclaxe establecidos pola lexislación vixente, o estudo alude á necesidade de realizar investimentos de entre 3.400 e 4.900 M€ ata 2030 para modernizar infraestruturas e construír novas instalacións, máis aló da gran importancia de avanzar na innovación tecnolóxica, na adopción de prácticas circulares e nunha maior colaboración entre empresas, administracións e sociedade civil.
O presidente de Sogama, Javier Domínguez, foi o encargado de moderar a primeira mesa redonda “O compromiso, a creación de valor e a importancia do sector dos residuos en España”, contando para isto coa participación de altos cargos de entidades tales como FCC, PreZero, Grupo Griñó e GBI Paprec.
Neste sentido, incidiu no compromiso que debe haber por todas as partes (administración, empresas e cidadáns) para contribuír a unha xestión máis sostible dos residuos, así coma no papel que esta xestión pode desempeñar para xerar riqueza e emprego, ademais de ser unha extraordinaria ferramenta na loita contra o cambio climático, a protección do medio ambiente, a calidade de vida e a saúde pública.
Domínguez Lino puxo de relevo o evidente cambio de status dos residuos, que pasaron de ser aquilo que nos molestaba e incomodaba, a un potencial recurso con grandes expectativas. Incidiu tamén na escasa valoración que se fai deste servizo público, malia o seu carácter básico e esencial, e lembrou os investimentos que é necesario acometer para cumprir cos requisitos da lexislación vixente, sen esquecer as oportunidades que pode abrir a colaboración público-privada.
Saúdos, Departamento de Comunicación