- Coa próxima partida de composteiros que Sogama entregará ao ente local, serán 225 os fogares participantes nesta iniciativa
- Ademais, esta empresa pública tamén remitirá ao Concello manuais didácticos de apoio a fin de que sexan repartidos entre os usuarios
Cerceda, ao 4 de outubro de 2023.- Sogama, a petición do Concello de Cedeira (A Coruña), remitirá a este municipio unha nova partida de composteiros (25 en concreto) para que o ente local poida estender os beneficios da compostaxe doméstica a novas familias, as cales terán a oportunidade de transformar os seus residuos orgánicos en compost, un abono natural con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo.
Con este novo envío serán 225 os composteiros entregados pola empresa pública nesta localidade. Con capacidade para 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e representan unha gran axuda, xa que permiten que o proceso de autocompostaxe nos fogares se leve a cabo dunha forma moderna, hixiénica, cómoda e eficiente.
O principal requisito para poder dotar ás familias cun recipiente destas características é que sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo (terras de cultivo, xardín ou horta), no que aplicar o compost resultante, que regresa á terra para dar unha nova vida (cultivos, plantas, etc.), achegando nutrientes a plantas e cultivos, e mesmo protexéndoos fronte a pragas e enfermidades.
Sogama tamén remitiu aos Concellos manuais de autocompostaxe para que os participantes dispoñan dunha guía na que se indica os pasos a seguir para obter un bo compost. Nestes manuais descríbense as distintas fases do proceso: desde a propia localización do composteiro, que debe emprazarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores ata os materiais que deben, e non deben, introducirse no mesmo, e na necesaria vixilancia que deben facer os usuarios, sobre todo no caso de parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Xa son máis de 220 os municipios de toda Galicia que están adscritos ao programa de autocompostaxe liderado por Sogama e que xa están a comprobar as súas vantaxes desde a dimensión ambiental, económica e social. Trátase, en definitiva, de recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, que permite reducir a xeración dos residuos e recuperalos seguindo o ciclo da natureza.
Saúdos, Departamento de Comunicación