
- Sogama proporcionará ao ente local 25 composteiros, que serán distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares con terreo, así como material divulgativo
- Tamén se puxo ao dispor do Concello para impartir un curso de formación presencial a fin de explicar a operativa a seguir e resolver dúbidas
Cerceda, a 6 de marzo de 2025.- O Concello de Baltar (Ourense) decidiu promover a compostaxe doméstica co obxectivo de poñer en valor a materia orgánica producida nos fogares para a súa transformación en compost, coas conseguintes vantaxes ambientais, e tamén como medida para aforrar custos económicos.
Con tal fin, Sogama proporcionará ao ente local 25 composteiros, que serán repartidos entre outras tantas vivendas unifamiliares con terreo no que aplicar o abono resultante, polo xeral de moi boa calidade e apto para a súa utilización na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións.
Así mesmo, a empresa pública tamén achegará ao Concello manuais de autocompostaxe, destinados ás familias participantes, nos que se detalla todo o proceso: dende o lugar idóneo para a colocación do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra, ata os residuos que deben e non deben depositarse no mesmo, proporcionando igualmente unha serie de directrices sobre a operativa a seguir: control de parámetros tales como osíxeno, temperatura e humidade, procurando que haxa unha mestura equilibrada entre fracción seca e húmida.
A compañía tamén se puxo ao dispor do ente local para impartir unha sesión formativa presencial, que estaría orientada aos veciños participantes, coa pretensión de explicarlles e asesoralos sobre a dinámica a seguir, e conciencialos sobre os resultados positivos do seu labor, xa que a autoxestión da materia orgánica permite que este residuo se converta nun recurso (abono) que regresa ao solo para propiciar unha nova vida, achegándolle nutrientes e mesmo protexéndoo fronte a pragas e enfermidades.
Adicionalmente, esta fracción de lixo xa non se depositaría nos contedores das rúas, circunstancia que propiciaría un aforro de custos, tanto ambientais, ao diminuír o transporte e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera, coma económicos, ao verse minorada a cantidade de refugallos que deben recibir tratamento finalista en planta industrial.
Saúdos, Departamento de Comunicación