- Requisito imprescindible é que sexan vivendas unifamiliares e que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante.
- Os participantes recibirán tamén manuais didácticos de apoio nos que se explica a operativa a seguir e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes.
- Carballo tamén foi un dos pioneiros na recollida selectiva da fracción orgánica a través da implantación do quinto contedor, de cor marrón.
Cerceda, a 22 de setembro de 2020.- Desde que o Concello de Carballo (A Coruña) decidiu promover a recuperación da materia orgánica en orixe a través da compostaxe doméstica, este programa non fixo máis que crecer e expandirse. Agora a iniciativa chegará a 50 novos fogares. Requisito imprescindible é que sexan vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante.
Para isto Sogama proporcionou ao ente local outros tantos composteiros (de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) a fin de que o proceso se leve a cabo de forma cómoda e hixiénica.
Os veciños participantes recibirán tamén manuais didácticos de apoio nos que se explica a operativa a seguir e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes. O obxectivo último é que obteñan un abono de alta calidade que cumpra cos requisitos esixidos pola normativa vixente e poida ser aplicado na agricultura con absolutas garantías e sen restricións.
O seguimento do programa corre a cargo da propia Concellería de Medio Ambiente e Servizos, da que é titular Lois Lamas.
Os usuarios tamén teñen á súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal, a través do cal poderán acceder a recursos de interese para complementar a súa formación neste ámbito.
O Concello de Carballo tamén foi un dos pioneiros na recollida selectiva da fracción orgánica trala implantación do quinto contedor, de cor marrón.
Logo dunha intensa campaña divulgativa, comezou a entregar esta fracción na planta de compostaxe industrial de Sogama, sita en Cerceda, a fin de poñer en valor os restos orgánicos e evitar que acaben no contedor verde genérico; unha práctica que tamén trae consigo importantes vantaxes económicas.
Das caracterizacións realizadas despréndese unha moi boa calidade da materia orgánica recollida de forma separada no municipio, evidenciando, unha vez máis, o firme compromiso do Concello e os seus cidadáns coa protección do medio ambiente e un “Carballo Limpo”.
Saúdos, Departamento de Comunicación