- Os recipientes serán repartidos entre outras tantas vivendas que reúnan as condicións, é dicir, que sexan unifamiliares e que conten con terreo no que aplicar o compost resultante, propiciando así que se peche o ciclo de aproveitamento da materia orgánica.
- Os participantes recibirán tamén manuais didácticos de apoio para que poidan coñecer con máis precisión a operativa a seguir e obter así un abono de alta calidade.
Cerceda, a 25 de setembro de 2020.- Co obxectivo de seguir traballando na recuperación da materia orgánica, o Concello de Cervo (Lugo) amplía o seu programa de compostaxe doméstica a 50 novas familias. Para isto contará de novo coa colaboración de Sogama, quen subministrará ao ente local, e de forma gratuita, outros tantos composteiros de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Así mesmo, proporcionará manuais de autocompostaxe para que sexan distribuídos entre os veciños participantes e, desta forma, poidan coñecer con máis precisión a operativa a seguir co fin de obter un compost de alta calidade.
Esta nova partida súmase a outras anteriores aportadas por Sogama, facendo un total de 146 os recipientes cedidos pola empresa pública a esta localidade.
Cabe recordar que Cervo foi un dos primeiros concellos da Mariña lucense en incorporarse a unha experiencia piloto de compostaxe doméstica promovida por esta compañía, adscrita á Consellería de Medio Ambiente. Desde entón, a iniciativa non fixo máis que crecer, expandíndose progresivamente ás vivendas que reúnan os requisitos para formar parte da mesma, é dicir, que sexan unifamiliares e que conten con terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o abono resultante, pechando o círculo de aproveitamento da materia orgánica. Unha práctica moi asentada desde outrora no medio rural e que agora se recupera, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica, contribuíndo a que este municipio lucense alcance importantes beneficios ambientais.
É preciso destacar e recoñecer tamén o esforzo investido pola área de Medio Ambiente do Concello na formación e concienciación dos cidadáns respecto da xestión sostible dos residuos urbanos a través de charlas educativas nos centros escolares e a promoción de distintas actividades orientadas a mellorar a recollida selectiva dos materiais contidos no lixo.
Os interesados poden complementar os seus coñecementos a través da web www.compostasogama.gal, onde atoparán tamén recursos didácticos e divulgativos tales como vídeos, xogos e contidos online, entre outros.
Saúdos, Departamento de Comunicación