- A recollida dos 30 recipientes tivo lugar no CENIMA (Oficina de Medio Ambiente), de forma individualizada e gradual por cada un dos participantes, para previr os riscos asociados ao COVID-19.
- Sumados a outras entregas anteriores efectuadas por Sogama, fan un total de 152 os fogares desta localidade lucense que xa levan a cabo prácticas de autocompostaxe.
Cerceda, a 28 de xullo de 2020.- En días pasados, o concello de Foz (Lugo), adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, procedeu á entrega da última partida de composteiros subministrada por esta empresa pública (30 en total) a outras tantas familias.
A recollida dos recipientes por parte dos veciños interesados tivo lugar de forma individualizada e escalonada a fin de evitar aforo e minimizar os riscos asociados á crise sanitaria do COVID-19.
O acto celebrouse no CENIMA (Oficina de Medio Ambiente). Alí citouse aos participantes para que, de forma gradual, recollesen o seu composteiro e un manual didáctico aportado por Sogama no que se proporcionan as explicacións sobre o proceso a seguir para elaborar un compost de alta calidade.
Con esta iniciativa, o ente local pretende propiciar a recuperación dunha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica.
Estes 30 novos composteiros súmanse a outras partidas anteriores entregadas por Sogama, facendo un total de 152 os fogares que, a día de hoxe, participan activamente nesta experiencia, con grandes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Saúdos, Departamento de Comunicación