- O obxectivo do ente local é aforrar custos ambientais e sociais, ademais de recuperar unha práctica tradicional en Galicia como é a separación da materia orgánica para alimento do gando e/ou fabricación de compost.
- A fin de garantir o éxito desta iniciativa, os veciños participantes recibirán, a cargo de Sogama, un curso de formación presencial e manuais didácticos de apoio.
- O seguimento do proxecto correrá a cargo do persoal do propio concello.
Cerceda, a 31 de xaneiro de 2020.- O concello coruñés de Mesía decidiu sumarse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co obxectivo de reducir a presenza de materia orgánica nos contedores verdes convencionais e, desta forma, aforrar custos ambientais e sociais.
Un total de 25 vivendas unifamiliares participarán nesta iniciativa. Requisito imprescindible é que dispoñan de horta ou xardín no que aplicar o compost resultante do proceso de fermentación controlada dos residuos orgánicos, labor para a cal contarán cun composteiro de 400 litros de capacidade cedido por Sogama.
Dado que a fracción orgánica de residuos representa o 42% na composición global dunha bolsa de lixo tipo, se se consegue pechar o ciclo de reciclaxe da mesma nos propios fogares, alcanzaranse importantes beneficios. Por unha banda, conséguese reducir a frecuencia de recollida e transporte dos contedores xenéricos, coa conseguinte diminución dos niveis de CO2; e, por outra, entregar menos residuos a Sogama, diminuíndo o importe da factura a pagar a esta compañía pública.
Ademais de todo isto, o programa tamén aporta unha serie de vantaxes sociais ao recuperar unha práctica tradicional en Galicia, como é a segregación dos residuos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de abono, coa particularidade de que, ao xestionar estes desperdicios en orixe, aplicando en toda a súa amplitude o principio de proximidade, redúcense os desprazamentos da poboación aos contedores de recollida selectiva, xa que os envases non desprenden cheiros e poden acumularse varios días nos domicilios.
FORMACIÓN
A fin de garantir o éxito desta iniciativa, técnicos de Sogama impartirán un curso presencial aos veciños adscritos ao programa a fin de que cos coñecementos necesarios para aplicar a técnica con garantías.
De forma adicional e complementaria, Sogama, a través do concello, entregará aos usuarios manuais didácticos de apoio, encargándose o persoal municipal de realizar un seguimento desta iniciativa.
O sitio web www.compostaconsogama.gal, pode representar tamén unha magnífica axuda á hora de complementar a información dispoñible.
A día de hoxe, Sogama repartiu máis de 11.400 composteiros entre 336 entidades.
Saúdos, Departamento de Comunicación