- Outes distribuirá 55 composteiros cedidos de forma gratuita por Sogama entre outras tantas vivendas, ás que tamén se dotará con manuais didácticos de apoio.
- Cando as circunstancias así o permitan, técnicos da empresa pública impartirán nesta localidade un curso de formación presencial para instruír aos usuarios na técnica.
- Pola súa banda, o concello de Trazo, dotado inicialmente con 25 composteiros, solicitou no seu momento ampliar o programa de autocompostaxe a outras 25 familias, facendo un total de 50 as familias incorporadas a esta iniciativa.
Cerceda, a 22 de xuño de 2020.- O concello de Outes (A Coruña) adheriuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama e, no marco do mesmo, distribuirá 55 composteiros cedidos de forma gratuita por esta empresa pública entre outras tantas vivendas, que en todo caso deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo no que aplicar o compost resultante.
Sogama remitiu ao ente local manuais de compostaxe doméstica para que poidan ser repartidos entre a veciñanza participante a fin de que sirvan como elemento de consulta para ampliar coñecementos e resolver dúbidas.
Así mesmo, e cando as circunstancias o fagan posible, educadores da empresa impartirán un curso de formación presencial para instruír aos usuarios nos pormenores da técnica: desde a propia ubicación do composteiro ata a relación de materiais que deben e non deben ser introducidos no mesmo e o control de parámetros clave tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade. O fin último é que o abono resultante cumpra con todos os requisitos de calidade esixidos pola normativa vixente e que poida ser utilizado na agricultura sen restricións.
Adicionalmente, os interesados dispoñen dun sitio web específico www.compostaconsogama.gal, a través do cal teñena a oportunidade de acceder a recursos didácticos, divulgativos e lúdicos vinculados á reciclaxe da materia orgánica en orixe.
Pola súa banda, o concello de Trazo, adscrito igualmente ao programa de autocompostaxe de Sogama con 25 vivendas, solicitou no seu momento unha nova ampliación desta iniciativa, posibilitando desta forma que sexan 50 as familias que participan no proxecto.
Os composteiros, de 390 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Saúdos, Departamento de Comunicación