- O obxectivo do ente local é aforrar custos ambientais mediante a redución das emisións de CO2 e do importe da factura a pagar a Sogama, recuperando unha práctica tradicional en Galicia como é a separación da materia orgánica para alimento do gando e/ou fabricación de abono.
- A fin de garantir o éxito desta iniciativa, os veciños participantes recibirán, a cargo de Sogama, un curso de formación presencial que lles permitirá adquirir os coñecementos necesarios para obter un compost de alta calidade e apto para ser aplicado na agricultura sen restricións.
- O seguimento do proxecto correrá a cargo do persoal do propio Concello.
Cerceda, a 22 de novembro de 2019.- O concello coruñés de Tordoia decidiu ampliar o seu programa de compostaxe doméstica co apoio de Sogama a fin de reducir a presenza de materia orgánica nos contedores verdes convencionais e, desta forma, aforrar custos ambientais e económicos.
Un total de 25 novas familias participarán nesta iniciativa e sumaranse ás 16 que, de forma experimental, xa estaban adscritas a este programa. Requisito imprescindible é que as vivendas sexan unifamiliares e dispoñan de horta ou xardín no que aplicar o compost resultante do proceso de fermentación controlada dos residuos orgánicos, labor para a cal contarán cun composteiro de 400 litros de capacidade, e fabricado con materiais reciclados e reciclables, cedido por Sogama.
Dado que a fracción orgánica representa o 42% da composición global dunha bolsa de lixo tipo, se se consegue pechar o ciclo de reciclaxe da mesma nos propios fogares, o ente local alcanzará importantes beneficios. Por un lado, conséguese reducir a frecuencia de recollida e transporte dos contedores xenéricos, coa conseguinte diminución dos niveis de CO2; e, por outro, pódese minorar o importe da factura a pagar a Sogama ao entregar menos residuos nas súas instalacións.
Ademais de todo isto, o programa posibilita unha serie de vantaxes sociais que non sempre son tidas en conta, pois, a través do mesmo conséguese recuperar unha práctica tradicional en Galicia, como é a segregación dos residuos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de abono, coa particularidade de que, ao xestionar estes desperdicios en orixe, aplicando en toda a súa amplitude o principio de proximidade, redúcense os desprazamentos da poboación aos contedores.
FORMACIÓN
A fin de garantir o éxito desta iniciativa, técnicos de Sogama impartirán un curso presencial aos veciños adscritos á mesma para que conten cos coñecementos necesarios que lles permitan aplicar a técnica con garantías e obter así un compost de alta calidade que cumpra coa normativa vixente e poida ser aplicado na agricultura sen restricións.
A través desta xornada explicaráselles onde ubicar o composteiro, que materiais deben e non deben ser depositados no mesmo, como controlar parámetros tales como a temperatura, o osíxeno e a humidade, cales son os problemas máis habituais e as solucións aos mesmos, e que usos se lles pode dar ao compost resultante.
De forma adicional, Sogama entregará aos usuarios manuais didácticos de apoio.
Así mesmo, e co obxectivo de que os resultados sexan plenamente satisfactorios, persoal ao servizo do Concello realizará un seguimento do proxecto para comprobar o desenvolvemento da técnica e solventar posibles erros.
Información complementaria en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación