- Do mesmo xeito que Oímbra e Vilardevós, decidiu estender a autoxestión da materia orgánica a novas vivendas, pretendendo con isto aforrar custos ambientais e económicos
Cerceda, a 8 de xaneiro de 2025.- O Concello de Riós (Ourense), do mesmo xeito que Oímbra e Vilardevós, decidiu ampliar o seu programa de compostaxe doméstica a novas vivendas, dados os beneficios ambientais, económicos e sociais que esta iniciativa trae consigo.
Con tal fin, Sogama achegou ao municipio 25 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para que sexan distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo de recuperación da materia orgánica en orixe mediante a súa valorización como abono.
Deste xeito, os usuarios, non só obteñen un fertilizante natural de calidade que, polo xeral, cumpre con todos os requisitos esixidos na normativa vixente, senón que evitan facer uso dos contedores da rúa para esta fracción, co conseguinte aforro de custos ambientais e económicos derivado da recollida, transporte e tratamento finalista.
O ente local recupera así unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero contando coa axuda dun recipiente específico, que propicia unha operativa máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Este dispositivo debe situarse no exterior da vivenda, preferentemente nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Os participantes deben vixiar o proceso e estar atentos a parámetros tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura, que son os que en boa medida condicionarán o resultado final.
Sogama remitiu ao Concello manuais didácticos de autocompostaxe e púxose á súa disposición para impartir un curso de formación presencial a fin de que os veciños poidan reforzar os seus coñecementos nesta área e resolver dúbidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación