- Co lema “Reimaxinar a moda: cambiando pautas para unha moda sostible”, esta iniciativa busca proxectos en fase inicial que cambien as formas de produción, uso e reciclaxe da moda, e fomenten ao mesmo tempo un consumo sostible.
- O concurso está aberto ao conxunto dos Estados membros da Unión Europea e países asociados ao programa Horizon 2020, e o prazo para a presentación de candidaturas conclúe o 4 de marzo.
- Un xurado será o encargado de seleccionar as tres ideas gañadoras o próximo outono, recibindo cada unha un premio de 50.000 euros.
Cerceda, a 30 de xaneiro de 2020.- Baixo o lema “Reimaxinar a moda: cambiando pautas para unha moda sostible”, a Comisión Europea vén de convocar a edición 2020 do Concurso Europeo de Innovación Social, pretendendo buscar proxectos en fase inicial que cambien as formas de produción, uso e reciclaxe da moda, e fomenten ao mesmo tempo un consumo sostible.
O concurso está aberto ao conxunto dos Estados membros da Unión Europea e países asociados ao programa Horizon 2020 (persoas innovadoras sociais, emprendedoras, estudantes, diseñadoras, empresarias así como a outras creadoras, impulsoras e promotoras de cambios), e o prazo para a presentación de candidaturas conclúe o 4 de marzo.
Un xurado será o encargado de seleccionar as tres ideas gañadoras o próximo outono, recibindo cada unha un premio de 50.000 euros.
REDUCIR A PEGADA AMBIENTAL DA MODA
A roupa representa entre o 2 e o 10% do impacto medioambiental do consumo global da UE, coa particularidade de que máis do 30% das prendas gardadas nos armarios non foron utilizadas durante alomenos un ano. Unha vez desbotadas, máis da metade non se reciclan, senón que acaban mesturadas co lixo doméstico.
As ideas aportadas a través deste concurso deben ter como obxectivo reducir a pegada medioambiental da moda a nivel global e axudar a cambiar hábitos dunha forma sostible, contribuíndo a desenvolver novos produtos, así como servizos, procesos e modelos de negocio innovadores.
As solucións presentadas ao concurso tamén deben ser aplicables a nivel local, nacional ou europeo.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación