- A Directiva sobre plásticos establece normas máis estritas para os produtos e envases que figuran entre os dez artigos que contaminan en maior medida as praias europeas.
- De aquí ao ano 2021, quedarán prohibidos plásticos dun só uso tales como pratos, cubertos, vasos, palliñas, paíños de globos e bastonciños de algodón, entre outros.
- Así mesmo, os Estados membros acordaron alcanzar un obxectivo do 90% de recollida das botellas de plástico, debendo estas ter un contido reciclado mínimo do 25% para 2025 e do 30% para 2030.
- Esta Directiva constitúe un elemento fundamental do Plan de Acción para a Economía Circular e forma parte da Estratexia da UE sobre o plástico.
Cerceda, a 22 de maio de 2019.- O Consello da Unión Europea pechou o último paso lexislativo para poñer coto aos plásticos dun só uso a través da adopción dunha nova Directiva que restrinxe o uso destes materiais.
Se ben se sustenta na lexislación vixente na materia, esta Directiva establece normas máis estritas para os produtos e envases que figuran entre os dez artigos que contaminan en maior medida as praias europeas, prohibindo aqueles para os que existen alternativas máis sostibles.
Dado que os produtos plásticos dun só uso están concibidos, total ou parcialmente, para utilizarse unha única vez ou durante un breve período de tempo antes de ser refugados, un dos principais obxectivos da normativa é minimizar a cantidade de residuos plásticos que se xeran. É por isto que, de aquí ao ano 2021, quedarán prohibidos plásticos dun só uso tales como pratos, cubertos, axitadores de bebidas, vasos, palliñas, paiños de globos, bastonciños de algodón, recipientes para alimentos e bebidas de poliestireno expandido, así como todos os produtos fabricados con plástico oxodegradable.
As novas normas contemplan igualmente os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor que cobren os custos de limpeza do lixo e aplícanse a produtos tales como os filtros do tabaco e as artes de pesca.
Así mesmo, os Estados membros acordaron alcanzar un obxectivo do 90% de recollida das botellas de plástico, debendo estas ter un contido reciclado mínimo do 25% para 2025 e do 30% para 2030.
PROCESO
A Comisión Europea presentou a súa proposta de Directiva en maio de 2018, iniciándose as negociacións co Parlamento Europeo o 6 de novembro e concluíndo o 19 de decembro dese mesmo ano cun acordo provisional que foi refrendado polos representantes permanentes ante a UE o 18 de xaneiro de 2019.
A decisión adoptada polo Consello da UE terá continuidade coa publicación dos textos no Diario Oficial da Unión Europea, entrando en vigor a Directiva 20 días logo da súa aplicación.
Pola súa banda, os Estados membros disporán de 2 anos para a súa transposición ao dereito nacional.
Esta Directiva constitúe un elemento fundamental do Plan de Acción para a Economía Circular e forma parte da Estratexia da UE sobre o plástico, que adopta un enfoque baseado no ciclo de vida de cada material para facer fronte ao problema da contaminación dos residuos plásticos e apoiar a visión dunha industria do plástico intelixente, innovadora e sostible.
Fonte: Consello Europeo
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación