- O Regulamento abarca todo o ciclo de vida dos envases e contempla obxectivos de porcentaxe mínima de contido reciclado, diminución do peso e volume da embalaxe, eliminación de embalaxes innecesarias e diminución de substancias preocupantes
- Segundo a nova normativa, os negocios de comida para levar terán que ofrecer aos clientes a posibilidade de levar os seus propios recipientes para enchelos con bebidas frías ou quentes, ou comida preparada, sen custo adicional
Cerceda, a 16 de decembro de 2024.- O Consello Europeo adoptou formalmente un Regulamento sobre envases e residuos de envases para reducir de forma significativa a xeración de residuos, restrinxir determinados tipos de envases dun só uso e esixir aos operadores económicos que minimicen os envases utilizados.
Cabe destacar que, en 2022, a UE xerou case 186,5 quilogramos de residuos de envases por persoa, dos cales 36 eran envases de plástico, o que se traduce nunha produción diaria por cidadán de medio quilogramo de residuos de envases.
En novembro dese mesmo ano, a Comisión presentou unha proposta de Regulamento sobre envases e residuos de envases que substituiría á Directiva existente. O Parlamento Europeo e o Consello adoptaron as súas posicións ao respecto en novembro e decembro de 2023, respectivamente, e os dous colexisladores acadaron un acordo provisional o 4 de marzo de 2024, logo de dúas roldas de negociacións informais.
O Regulamento abarca todo o ciclo de vida dos envases e contempla os seguintes aspectos:
- Obxectivos de porcentaxe mínima de contido reciclado para 2030 e 2040 (ata o 65 % para botellas de plástico dun só uso en 2040).
- Diminución do peso e volume da embalaxe, evitando embalaxes innecesarias.
- Diminución das substancias preocupantes, incluída a restrición da comercialización de envases en contacto con alimentos que conteñan substancias perfluoradas e polifluoradas (PFAS) se superan determinados limiares.
Os requisitos de etiquetaxe, marcado e información (por exemplo, sobre a composición do material ou o contido reciclado) deberían facilitar a clasificación e a elección por parte dos consumidores.
As novas normas introducen restricións aos envases de plástico dun só uso para:
- Froitas e verduras preenvasadas de menos de 1,5 kg.
- Alimentos e bebidas envasados e consumidos en hoteis, bares e restaurantes.
- Porcións individuais de condimentos, salsas, crema de leite e azucre en hoteis, bares e restaurantes.
- Pequenos produtos cosméticos e de tocador dun só uso utilizados no sector do aloxamento (é o caso das botellas de champú ou loción corporal).
- Bolsas de plástico moi lixeiras (por exemplo, as que se venden nos mercados para comprar alimentos a granel).
Así mesmo, o Regulamento establece novos obxectivos vinculantes de reutilización para 2030 e indicativos para 2040, que varían en función do tipo de envase utilizado polos operadores (por exemplo, obxectivos vinculantes do 40 % para os envases de transporte e venda, e do 10 % para os envases agrupados).
Segundo a nova normativa, os negocios de comida para levar terán que ofrecer aos clientes a posibilidade de empregar os seus propios recipientes para enchelos con bebidas frías ou quentes, ou comida preparada, sen custo adicional.
A adopción formal por parte do Consello supón o último paso do procedemento lexislativo ordinario. O Regulamento publicarase no Diario Oficial da UE e aplicarase 18 meses despois da data da súa entrada en vigor.
Fonte: Consello Europeo
Imaxe: Pexels