- O obxectivo deste programa é acelerar a transición ecolóxica de maneira xusta e inclusiva, co obxectivo de «Vivir ben, respectando os límites do noso planeta» de aquí a 2050
- A adopción prodúcese tras o acordo provisional alcanzado co Parlamento Europeo en decembro de 2021, constituíndo a última etapa do procedemento
Cerceda, a 8 de abril de 2022.- A finais do pasado mes de marzo, o Consello Europeo adoptou a súa posición sobre o VIII Programa de Acción en materia de Medio Ambiente (PMA), que servirá de guía para a elaboración e a aplicación das políticas ambientais ata 2030.
A adopción prodúcese tras o acordo provisional alcanzado co Parlamento Europeo en decembro de 2021, constituíndo a última etapa do procedemento.
OBXECTIVOS
O VIII PMA ten como finalidade acelerar a transición ecolóxica de maneira xusta e inclusiva, co obxectivo a longo prazo de «Vivir ben, respectando os límites do noso planeta» de aquí a 2050.
Os seis obxectivos prioritarios temáticos do VIII PMA refírense á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, a adaptación ao cambio climático, un modelo de crecemento rexenerativo, un obxectivo cero en materia de contaminación, a protección e recuperación da biodiversidade e a redución dos principais efectos climáticos e ambientais asociados á produción e ao consumo.
O Consello e o Parlamento puxéronse de acordo sobre varias condicións favorables para a consecución dos obxectivos prioritarios, en particular:
- a redución das pegadas materiais e de consumo da UE
- o reforzo dos incentivos positivos para o medio ambiente
- a eliminación progresiva das subvencións prexudiciais para o medio ambiente, en particular as subvencións aos combustibles fósiles.
Os colexisladores tamén acordaron incluír no VIII PMA unha revisión intermedia en 2024 dos avances logrados na consecución dos seus obxectivos prioritarios temáticos. Tras esta revisión, a Comisión deberá presentar, se procede, unha proposta lexislativa para engadir un anexo ao VIII PMA, que conteña unha lista e un calendario de accións para o período posterior a 2025.
CONTEXTO
Os Programas de Acción en materia de Medio Ambiente guiaron o desenvolvemento da política ambiental da UE desde o comezo da década dos setenta.
O 14 de outubro de 2020, a Comisión Europea presentou a súa proposta de Decisión do Parlamento Europeo e do Consello relativa ao Programa Xeral de Acción da Unión en materia de Medio Ambiente ata 2030. A Presidencia do Consello e os negociadores do Parlamento Europeo alcanzaron un acordo político provisional sobre a proposta o 1 de decembro de 2021. Dita Decisión adoptouse formalmente.
Fonte: Consello Europeo