- Regulará todo o ciclo de vida das pilas e baterías: desde a produción ata a reutilización e a reciclaxe, á vez que garantirá que sexan seguras, sostibles e competitivas, e que contribúan á transición ecolóxica
- Dado que a pretensión das novas normas é promover unha economía circular, o Regulamento contempla obxectivos e obrigacións en materia de recollida, de valorización de materiais e responsabilidade ampliada do produtor
Cerceda, a 11 de xullo de 2023.- O Consello aposta por reforzar as normas en materia de sostibilidade aplicables ás pilas e baterías, así como aos seus residuos, e, con tal fin, adopta un Regulamento que regulará todo o ciclo de vida das mesmas: desde a produción ata a reutilización e a reciclaxe, á vez que garantirá que sexan seguras, sostibles e competitivas, e que contribúan á transición ecolóxica.
Ademais de resultar clave para o proceso de descarbonización e a transición da UE cara a uns medios de transporte sen emisións, as pilas e baterías conteñen moitos recursos valiosos, polo que resulta necesario reutilizar esas materias primas fundamentais en lugar de depender de terceiros países para a súa subministración.
O Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello aplicarase a todas as pilas e baterías, incluídos todos os seus residuos: baterías portátiles, baterías para vehículos eléctricos, industriais, de automoción e baterías de medios de transporte lixeiros (por exemplo, bicicletas eléctricas, ciclomotores eléctricos ou patinetes eléctricos).
OBXECTIVOS E OBRIGACIÓNS
Dado que as novas normas están orientadas a promover unha economía circular, o Regulamento contempla obxectivos e obrigacións en materia de recollida, de valorización de materiais e de responsabilidade ampliada do produtor.
Así, establece para os produtores obxectivos de recollida de residuos de pilas ou baterías portátiles (un 63 % para finais de 2027 e un 73 % para finais de 2030) e introduce un de recollida específico para os residuos de baterías de medios de transporte lixeiros (un 51 % para finais de 2028 e un 61 % para finais de 2031).
Igualmente, fixa o obxectivo de recuperación de litio a partir dos residuos de pilas e baterías nun 50 % para finais de 2027, e nun 80 % para finais de 2031; obxectivo que pode modificarse mediante actos delegados en función do mercado e dos avances tecnolóxicos e da dispoñibilidade de litio.
Prevé uns niveis mínimos obrigatorios de contido reciclado no que respecta ás baterías industriais, de automoción e para vehículos eléctricos, concretados inicialmente nun 16 % para o cobalto, un 85 % para o chumbo, un 6 % para o litio e un 6 % para o níquel. As pilas e baterías deberán ir acompañadas de documentación sobre o contido reciclado.
O obxectivo de eficiencia de reciclaxe fíxase nun 80 % para as pilas ou baterías de níquel-cadmio, de aquí a finais de 2025, e nun 50 % para os demais residuos de pilas ou baterías, de aquí a finais de 2025.
Tamén establece que, para finais de 2027, as pilas ou baterías portátiles incorporadas aos aparellos deben ser extraíbles e sustituibles polo usuario final e deixa tempo suficiente aos operadores para que adapten o deseño dos seus produtos a este requisito. Pola súa banda, as baterías de medios de transporte lixeiros deberán ser sustituibles por un profesional independente.
O Regulamento introduce requisitos de etiquetaxe e información sobre os compoñentes e o contido reciclado da pila ou batería, entre outras cousas, así como un «pasaporte para baterías» electrónico e un código QR. A fin de que os Estados membros e os axentes económicos do mercado dispoñan de tempo suficiente para prepararse, os requisitos de etiquetaxe entrarán en vigor en 2026 e o código QR en 2027.
O Consello e o Parlamento Europeo deben agora asinar o Regulamento. A continuación, publicarase no Diario Oficial da UE e entrará en vigor vinte días despois.
Fonte: Consello Europeo
Imaxe: Pixabay