-
A súa posición céntrase especialmente en potenciar a reutilización, en reducir o desperdicio alimentario de aquí a 2030 e en evitar os residuos téxtiles derivados da moda rápida
-
O alimentario e o téxtil son, respectivamente, o primeiro e cuarto sector con maior intensidade no uso de recursos, pola que a revisión do directiva configúrase como un paso esencial cara a unha economía circular
Cerceda, a 19 de xuño de 2024.- O Consello Europeo adoptou a súa posición (orientación xeral) sobre a revisión da Directiva Marco de Residuos, centrándose especialmente en potenciar a reutilización, en reducir o desperdicio alimentario de aquí a 2030 e en evitar os residuos téxtiles derivados da moda rápida.
Sector alimentario
Respecto dos residuos alimentarios, a proposta de Directiva establece obxectivos vinculantes de aquí a 2030: unha redución do 10% na transformación e a fabricación, e do 30% per cápita na venda minorista, os restaurantes, os servizos de restauración e os fogares.
A orientación xeral prevé a posibilidade de fixar obxectivos para os residuos alimentarios comestibles, como moi tarde, o 31 de decembro de 2027, coincidindo coa revisión dos establecidos para 2030. Calcularanse en relación ás cantidades xeradas en 2020, xa que foi o primeiro ano no que se recompilaron datos conforme a un método harmonizado. Con todo, os Estados membros poderán utilizar un ano de referencia anterior a 2020 se, a nivel nacional, existían métodos axeitados de recompilación de datos, ou ben os anos 2021, 2022 ou 2023, xa que os datos de 2020 poden non ser representativos nalgúns casos debido á pandemia do COVID-19.
Así mesmo, os ministros coincidiron na necesidade de desenvolver factores de corrección para ter en conta as fluctuacións do turismo e dos niveis de produción na transformación e fabricación de alimentos.
Sector téxtil
A actual Directiva Marco sobre Residuos, en vigor desde 2008, obriga aos Estados membros a garantir a recollida separada dos téxtiles para a súa preparación para a reutilización e reciclaxe, todo máis tardar o 1 de xaneiro de 2025. Segundo a orientación xeral, antes de final de 2028, a Comisión estudará a posibilidade de establecer obxectivos específicos.
A proposta de revisión da Directiva prevé uns réximes harmonizados de responsabilidade ampliada do produtor que esixirán ás marcas de moda e aos produtores téxtiles o pago dunha taxa para contribuír a financiar os custos da recollida e o tratamento de residuos téxtiles. Estes réximes estableceranse ata 30 meses despois da entrada en vigor da Directiva e os ministros acordaron incluír ás microempresas no seu ámbito de aplicación.
O importe da taxa dependerá da circularidade e do comportamento ambiental do produto téxtil de que se trate (o que se coñece como «modulación ecolóxica»). Dado que a mellor solución é a prevención, a orientación xeral establece que os Estados membros poden esixir unha taxa máis alta ás empresas que empreguen prácticas industriais e comerciais de «moda rápida».
Así mesmo, recoñécese o papel esencial das entidades de economía social (como organizacións benéficas, empresas sociais e fundacións) nos sistemas existentes de recollida de produtos téxtiles, e permítelles manter e xestionar os seus propios puntos de recollida separada. Os Estados membros poden eximirlles de determinados requisitos de información para evitar unha carga administrativa desproporcionada.
Seguintes fases
A posición do Consello, adoptada o pasado 17 de xuño, permite á Presidencia rotatoria iniciar as conversacións co Parlamento Europeo sobre o texto definitivo, que terán lugar xa durante o novo ciclo lexislativo. O Parlamento Europeo aprobou a súa posición en marzo de 2024.
Previamente, con data 5 de xullo de 2023, a Comisión Europea presentou unha proposta de revisión do Directiva Marco sobre Residuos dirixida especificamente aos sectores alimentario e téxtil, que son, respectivamente, o primeiro e o cuarto con maior intensidade no uso de recursos, a fin de reducir os seus efectos ambientais e climáticos, configurándose como un paso esencial cara a unha economía europea máis sostible e circular.
Fonte: Consello Europeo