- Así o manifestou a presidenta da Asociación Anxiños, Ruth Gómez, nunha entrevista publicada na Newsletter corporativa de Sogama correspondente ao pasado mes de outubro.
- O cometido desta entidade, con sede na Casa Reitoral de San Mamede do Monte (A Baña-A Coruña) é atender a nenos e mozos con trastornos mentais, tendo conseguido formar un equipo de profesionais e voluntarios que se dedican a mellorar a calidade de vida dos usuarios e preparalos para enfrontar con decisión o futuro e a convivencia.
Cerceda, a 4 de novembro de 2021.- Anxiños é unha asociación que se creou no seu momento para atender a nenos e mozos con trastornos mentais. Tal e como relata a súa presidenta, Ruth Gómez Vázquez, nunha entrevista publicada na Newsletter de Sogama correspondente ao mes de outubro, esta entidade naceu no ano 2014 e, desde entón, a súa evolución foi constante e imparable, conseguindo formar un equipo de profesionais e voluntarios que se dedican a mellorar a calidade de vida dos usuarios e preparalos para enfrontar con valentía o futuro e a convivencia.
A súa sede está na Casa Reitoral localizada en San Mamede do Monte (Concello da Baña- A Coruña). Grazas ao apoio do Dr. Antonio Pose Reino, actual xefe de servizo de medicina interna do CHUS, e ao entón alcalde, Andrés García Cardeso, a asociación trasladouse a esta casa, que levaba 11 anos sen habitar. Se ben foi pensada para residencia da terceira idade, non reunía as condicións para este fin, polo que o Arcebispado de Santiago, tal e como explica Ruth Gómez, aceptou a subrogación do Concello, logrando habitala 4 anos despois.
O PODER DA NATUREZA
Anxiños dispón de todos os recursos necesarios para prestar atención plena á diversidade de usuarios. O seu equipo está conformado por unha psiquiatra, un psicólogo, dúas pedagogas, unha monitora de tempo libre, un terapeuta ocupacional, unha gobernanta, unha cociñeira, un garda de seguridade e, por suposto, as persoas voluntarias que acoden diariamente a este centro, que logrou saír adiante grazas ás achegas de varias entidades privadas e tamén co propio capital dos promotores.
Ao estar emprazada a súa sede nunha contorna rural e rodeada de fauna, propíciase un bo funcionamento cognitivo, xa que o contacto coa natureza, tal e como expresou a súa presidenta, “alimenta a memoria, a imaxinación e a creatividade, e favorece o rendemento escolar dos nenos”.
Ademais, o centro conta co seu propio xardín e horta, que nutren co abono obtido a partir da compostaxe da materia orgánica xerada nas súas dependencias. O coidado das plantas, dos cultivos e a xestión sostible dos residuos constitúen actividades diarias coas que os nenos aprenden, interactúan, adquiren rutinas, etc.
Os interesados en colaborar con esta asociación teñen á súa disposición un amplo abanico de posibilidades: dedicar o seu tempo a este colectivo, aportar e compartir os seus coñecementos, a súa voz, a súa palabra ou ben facéndose socio. “A porta de Anxiños sempre está aberta á comprensión”, destacou Gómez Vázquez.
O pasado verán, educadores de Sogama impartiron nesta asociación unha sesión formativa sobre reciclaxe e compostaxe na que mozas e pequenos participaron activamente e con excelentes resultados.
Saúdos, Departamento de Comunicación