- Así se corroborou durante as sesións formativas impartidas en días pasados por educadores ao servizo desta empresa pública no marco do programa “Recíclate con Sogama” 2020-2021, no que participan colexios das catro provincias.
- Ademais de explicar de forma pormenorizada como previr a xeración de lixo, tamén se deu traslado das boas prácticas para alongar a vida útil dos produtos e clasificalos correctamente, unha vez convertidos en residuos, propiciando o seu reciclado.
Cerceda, a 21 de xaneiro de 2021.- En días pasados, esta empresa concluíu o periplo polos distintos centros educativos adscritos ao programa “Recíclate con Sogama” e a donde se desprazaron educadores especializados para formar a alumnos e profesores na correcta xestión dos residuos urbanos.
Durante as sesións, abundouse na importancia de previr e reducir a xeración de lixo, en alongar a vida útil dos produtos e en separalos por tipoloxías unha vez convertidos en residuos, depositándoos nos contedores correspondentes para propiciar o seu reciclado e, xa que logo, a súa transformación en novas materias primas.
A absoluta implicación da comunidade educativa de cada colexio facilitou o labor de transmisión de coñecementos e a activa participación dos pequenos propiciou a resolución de dúbidas, centradas especialmente no contedor amarelo, destinado a acoller os envases de plástico, as latas e os briks.
Tamén se detectou un certo descoñecemento da compostaxe e, xa que logo, da posibilidade de que a materia orgánica sexa convertida nun abono de alta calidade que regresa á terra en forma de fertilizante natural, nutrindo o solo e protexéndoo fronte a enfermidades e posibles pragas.
Se ben nas zonas urbanas os escolares están familiarizados coa recollida selectiva de residuos, no ámbito rural, debido á alta dispersión da poboación, atópanse con máis limitacións. Non obstante, o interese non pode ser maior en ambos casos e o obxectivo agora é que separen correctamente os refugallos nas escolas para introducilos nos contedores que conforman as illas de reciclaxe aportadas por Sogama, e que autoxestionen a materia orgánica a través do composteiro cedido por esta entidade. Uns hábitos que, sen dúbida, replicarán nos fogares.
CENTROS PARTICIPANTES
Un total de 10 colexios participan este curso no programa “Recíclate con Sogama”. Son os seguintes:
- 3 da provincia de Lugo: CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, de Xove; CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos; e CEIP Plurilingüe do Corgo.
- 5 da provincia de Pontevedra: CEIP Plurilingüe A Florida, de Sanxenxo; CEIP de Vilaxoán, de Vilagarcía de Arousa; CEIP Antonio Carpintero, de Arbo; CEP Altamira, de Salceda de Caselas; e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, de Vigo.
- 1 de Ourense: CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense cidade.
- 1 da provincia da Coruña: CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, de Ferrol.
Saúdos, Departamento de Comunicación