- Se ben se manteñen por baixo do obxectivo para 2020, os datos máis recentes mostran que aumentaron lixeiramente en 2017 debido fundamentalmente ao transporte (un 0,6%).
- Malia isto, confíase en que Europa alcance, aínda que cunha marxe máis estreita, o seu obxectivo de redución de emisións para 2020, debendo intensificarse as medidas nacionais na materia para alcanzar os novos obxectivos de redución da UE para 2030.
Cerceda, a 7 de febreiro de 2019.- A pesar do lixeiro aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro durante o ano 2017, principalmente debido ao sector do transporte, confíase en que a Unión Europea alcance, aínda que cunha marxe máis estreita, o seu obxectivo de redución de emisións para 2020, debendo, iso si, intensificarse as medidas nacionais na materia para alcanzar os novos obxectivos de redución para 2030 (redución do 40% en relación cos niveis de 1990).
Tal e como se recolle nas estimacións preliminares publicadas no informe anual da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) “Tendencias e proxeccións”, as emisións aumentaron un 0,6% en 2017 respecto ao ano anterior. Este lixeiro incremento prolonga unha evolución relativamente estable das emisións observada desde 2014, tras unha década de redución case continua (entre 2004 e 2014).
No réxime de comercio de dereitos de emisión da UE (RCDE UE), as emisións das instalacións aumentaron un 0,2 % en 2017 desde 2016.
Pola súa banda, as emisións da aviación procedentes dos voos interiores da UE, que tamén se inclúen, creceron un 4,5 % en 2017 en comparación co ano anterior. O excedente acumulado de dereitos de emisión seguiu diminuíndo, por terceiro ano consecutivo, debido, entre outras cousas, a unha redución dos volumes de dereitos de emisión asignados gratuitamente.
Estes datos, tal e como sinala a AEMA, mostran claramente a necesidade de disociar o crecemento económico das emisións e, polo tanto, de dar debido cumprimento aos preceptos do Acordo de París.
Fonte e imaxe: AEMA
Saúdos, Departamento de Comunicación