- Un dato relevante nunha xornada como a de hoxe, na que se celebra o Día Mundial da Auga.
- Se ben o propio cultivo de alimentos carrexa un notable consumo de recursos, o problema real sobrevén cando estes recursos se perden a través do desperdicio alimentario.
- Neste escenario, AECOC, unha das maiores asociacións empresariais do país, proporciona á cidadanía unha serie de recomendacións para reducir a cantidade de comida que acaba arroxada ao cubo do lixo.
- Entre as mesmas, cabería destacar a necesidade de planificar as compras, conservar correctamente os alimentos e reutilizar as sobras para a elaboración de novos menús.
Cerceda, a 22 de marzo de 2019.- No Día Mundial da Auga, que se celebra hoxe mesmo, 22 de marzo, convén recordar que o malgaste do líquido elemento non só ten lugar a través de malas prácticas como abrir sen control a billa da cociña, o baño ou a ducha, senón que tamén se atopa oculto na nosa vida diaria sen que moitas veces sexamos conscientes disto.
En termos xerais, a pegada hídrica, é dicir, o impacto ambiental relacionado coa auga por cada habitante, é de 1.385 metros cúbicos, volume equivalente a media piscina olímpica, e é precisamente a agricultura, a través do cultivo de alimentos, o sector que máis auga consome, asociándose ao mesmo o 92% da pegada hídrica procedente do cultivo de alimentos. Destaca o caso do café e a carne de bovino. Para producir 1 quilo de café requírense, nin máis nin menos, que 18.900 litros de auga, cantidade que se atopa nunha mazá ou un plátano.
Resulta evidente que é necesario consumir recursos para garantir a alimentación, agora ben, tal e como sinala David Esteller, responsable da iniciativa “A alimentación non ten desperdicio”, promovida por AECOC, o problema real sobrevén cando se consumen recursos para producir alimentos que, finalmente, acaban desperdiciados.
Segundo un estudo da Universidade Politécnica de Madrid, o desperdicio alimentario nos fogares españois xera unha pegada hídrica de máis de 130 litros por persoa e día.
“A ALIMENTACIÓN NON TEN DESPERDICIO”
AECOC, unha das maiores asociacións empresariais do país, con máis de 29.000 empresas adscritas, e a única que aglutina a todos os axentes da cadea de valor, é dicir, desde produtores e fabricantes ata operadores loxísticos e distribuidores, proporciona unha serie de recomendacións dirixidas á cidadanía co obxectivo de realizar un consumo responsable. Por exemplo, planificar as compras, conservar correctamente os alimentos, reutilizar as sobras das comidas para a elaboración de novos menús, etc, evitando desta forma que os alimentos acaben no cubo do lixo e se perdan os recursos valiosos contidos nos mesmos, como é o caso da auga, a terra investida na súa produción, o combustible do transporte e o propio traballo e esforzo dos agricultores.
Neste sentido, a iniciativa “A alimentación non ten desperdicio”, impulsada por AECOC, ten tres obxectivos fundamentais: definir e establecer prácticas de prevención e eficiencia ao longo de toda a cadea alimentaria a fin de aproveitar ao máximo os recursos; rendibilizar e maximizar o aproveitamento do excedente producido ao longo das diferentes fases da cadea de valor (redistribución, reutilización e reciclado); e formar, concienciar e sensibilizar á poboación sobre a necesidade de reducir o desperdicio alimentario, un problema de gran magnitude con serias consecuencias ambientais, económicas, sociais e, por suposto, morais.
Fonte: AECOC
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación