- Promovido polo Grupo Landbell, o premio busca novas empresas europeas cuxo modelo de negocio se enfoque nas áreas de economía circular dixital, reciclaxe e prevención de residuos
Cerceda, a 2 de novembro de 2022.- O próximo 21 de novembro conclúe o prazo para a presentación de candidaturas ao concurso Green Alley Award 2023, dirixido a startups europeas que fomenten a economía circular.
Dotado cun premio en metálico de 25.000 euros, arrincou a súa IX edición buscando ideas de negocio disruptivas que contribúan significativamente a alcanzar os obxectivos climáticos.
A xuízo de Grupo Landbell, organizador do concurso e matriz de European Recycling Platform, necesítanse medidas contundentes para reverter o quecemento global antes de 2050 e todas as ideas e accións contan.
O premio, creado en 2014, busca empresas novas, radicadas en toda Europa, que estean a piques de lanzar os seus produtos ou servizos, ou que xa se atopen en fase de crecemento e queiran expandirse a outros mercados europeos. O seu modelo de negocio debe estar enfocado ás áreas de economía circular dixital, reciclaxe e prevención de residuos, co obxectivo de desenvolver produtos, servizos ou tecnoloxías innovadoras que axuden a facer un uso máis eficiente dos nosos recursos.
Como en anteriores edicións, o xurado escoitará as propostas dos seis finalistas seleccionados e fallará o premio nunha cerimonia que se celebrará en Berlín, en abril de 2023.
PARTICIPACIÓN ESPAÑOLA
Na pasada edición, España, con oito proxectos en concurso, converteuse no cuarto país europeo con máis candidaturas presentadas. De feito, unha das compañías participantes, ScrapAd, logrou facerse cun posto na final grazas á eficacia da súa plataforma global para comercializar materiais reciclables.
En 2019, outra compañía española, VEnvirotech, foi tamén finalista grazas á súa tecnoloxía bacteriana VE-BOX, que permite transformar in situ, no lugar da súa xeración e en só 24 horas, residuos orgánicos en bioplásticos.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay