- O lema deste ano “O planeta versus plástico”, incide na necesidade de lograr unha redución do 60% na produción deste material para 2040
Cerceda, a 22 de abril de 2024.- Hoxe, como cada ano, celébrase o Día da Terra coa pretensión de poñer de relevo a importancia de protexer o noso planeta e promover accións para preservar o medio ambiente.
O cambio climático, a pegada do home na natureza, así como os atentados contra a biodiversidade, a deforestación, o cambio de uso do solo, a produción agrícola e gandeira intensiva ou o crecente comercio ilegal de vida silvestre, poden acelerar o ritmo de destrución do planeta. De feito, a calor extrema, os incendios forestais, as inundacións e outros eventos climáticos, afectaron xa a millóns de persoas.
Con esta efeméride búscase concienciar sobre a tripla crise planetaria: cambio climático, perda de biodiversidade e contaminación, facendo unha chamada á acción de todos os gobernos, empresas e cidadanía en xeral sobre a necesidade de poñer en marcha solucións e formas de desenvolvemento que preserven á nosa Nai Terra.
Este día é o terceiro que se celebra no marco do Decenio da ONU para a Restauración de Ecosistemas, que sustentan todas as formas de vida da Terra. Da saúde destes depende directamente a saúde do noso planeta e os seus habitantes. Restaurar aqueles que están danados, axudará a acabar coa pobreza, a combater o cambio climático e a previr unha extinción masiva. Pero só se conseguirá desde a responsabilidade compartida.
O lema deste ano “O planeta versus plástico”, incide na necesidade de lograr unha redución do 60% na produción deste material para 2040. A partir de mañá, 23 de abril, e ata o día 29, gobernos e ONG de todo o mundo reuniranse en Ottawa para seguir negociando os termos do Tratado Mundial das Nacións Unidas sobre o Plástico.
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay