- Artigo do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, con motivo desta efeméride
Hoxe conmemórase o Día Internacional da Reciclaxe; un termo que, nos últimos anos, adentrouse de tal forma nas nosas vidas, que en moitas ocasións chega a perder a súa verdadeira esencia ao ver simplificado o seu alcance.
Unha boa parte dos produtos que consumimos aseguran ter algo reciclado e/ou reciclable, e como consumidores consideramos que, coa mera adquisición dos mesmos, xustificamos o noso espírito “ecoloxista” e damos debido cumprimento á nosa obrigación moral de coidar o medio ambiente.
Sen embargo, a nosa contribución á protección da contorna debe ir máis aló das denominadas compras “verdes”, resultando esencial xestos tales como separar os residuos en orixe e depositalos nos contedores correspondentes para propiciar o seu reciclado. Porque, malia as novas tecnoloxías, esas marabillosas máquinas industriais que conseguen seleccionar os materiais mediante aspiradores, vibracións, lectores ópticos, mesas densimétricas e correntes de indución, hai algo absolutamente prioritario para que o noso país cumpra cos obxectivos europeos de reciclaxe e é a colaboración da cidadanía. Sen ela, a reciclaxe non será viable ou será de peor calidade.
Son moitos os motivos que se argumentan para non participar na reciclaxe, pero o que máis me preocupa, como cidadán e como máximo responsable dunha empresa pública de xestión de residuos, é a desconfianza cara ao sistema. Sogama encárgase dos residuos unha vez que estes son depositados polos concellos nas súas instalacións. Polo tanto, non ten responsabilidade na contenerización e tampouco nos labores de recollida de refugallos, pero si debe soportar as consecuencias de comportamentos inapropiados.
Os que formamos parte da cadea de xestión do lixo tentamos facer as cousas o mellor posible. Non obstante, e como en todas as ordes da vida, somos coñecedores, como meros espectadores, de condutas reprochables e inxustificables que, a priori, corren o risco de botar pola borda o traballo da poboación na clasificación de residuos. A partir de aí, e tomando como referencia situacións contadas e illadas, viñeron emerxendo unha serie de mitos en torno á reciclaxe que moitos cidadáns fixeron seus para xustificar a súa escasa ou nula solidariedade co medio ambiente.
Revelémonos contra eses mitos: segreguemos os residuos por tipoloxías, depositémolos nos contedores de recollida selectiva e, cando constatemos malas prácticas, denunciémolo. A desidia, o desinterese e a mestura indiscriminada de refugallos nun mesmo contedor non nos reportará beneficio algún. Todo o contrario: seguiranos condenando a extraer de forma indiscriminada recursos da Nai Natureza.
Nunha data como a que nos ocupa e, cada vez máis preto do ano 2025, cando o noso país deberá alcanzar o 55% de reciclaxe imposta pola Unión Europea, pediría un sinxelo exercicio de reflexión: pensemos, a título individual, en que medida estamos a posibilitar a reciclaxe e que sentimentos nos sexa o feito de contribuír á mesma ou non. Quizais mirando aos nenos e nenas de hoxe, que ben poden ser os nosos fillos/as ou mesmo netos/as, e ao planeta que herdarán, será suficiente para que a balanza se incline nun sentido ou outro.
Entre tanto, dende Sogama non cederemos no empeño de seguir pedindo a colaboración da poboación porque cremos e confiamos nun mundo mellor.
Presidente
Javier Domínguez Lino