- Este ano conmemórase o 50 aniversario desta efeméride, establecida por primeira vez pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1972, chegando a converterse, no último medio século, nunha das plataformas mundiais con maior alcance en favor das causas ambientais
- Estímase que, entre 19 e 23 millóns de toneladas de plásticos, terminan cada ano en lagos, ríos e mares, prexudicando á saúde humana e á biodiversidade, e contaminando todo tipo de ecosistemas
Cerceda, a 23 de maio de 2023.- Côte d'Ivoire (República de Costa do Marfil) será o próximo 5 de xuño o país anfitrión do Día Mundial do Medio Ambiente 2023, e a contaminación por plásticos, a temática central desta efeméride. Así o anunciou no seu momento o PNUMA e o Goberno de Côte d’Ivoire.
Este ano conmemórase o 50 aniversario do Día Mundial do Medio Ambiente, establecido por primeira vez pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1972, chegando a converterse, no último medio século, nunha das plataformas mundiais con maior alcance en favor das causas ambientais.
En 2014, Côte d'Ivoire prohibiu o uso de bolsas plásticas e, desde entón, estivo apoiando a transición cara a envases, envoltorios e embalaxes reutilizables. A cidade máis grande do país anfitrión, Abiyán, tamén se converteu nun centro para novas empresas orientadas a combater a contaminación por plásticos.
O Día Mundial do Medio Ambiente 2023 contará tamén co apoio do Goberno dos Países Baixos, que implementou medidas ambiciosas relativas a todo o ciclo de vida do plástico. Asinaron a adopción do Compromiso Global para a Nova Economía do Plástico e integraron a Alianza Mundial sobre o Lixo Mariño (GPML, polas súas siglas en inglés), formando parte igualmente da Coalición de Alta Ambición, que pretende elaborar un instrumento internacional xuridicamente vinculante para combater a contaminación por plásticos, en particular no medio mariño, do que se espera que as negociacións finalicen para fins de 2024.
O primeiro período de sesións do Comité Intergobernamental de Negociación (CIN-1) celebrouse en Uruguai en decembro e prevese que a segunda reunión teña lugar en París este año. O instrumento xurídico basearase nun enfoque integral que aborde todo o ciclo de vida do plástico.
Entre 19 e 23 millóns de toneladas anuais acaban na contorna
Máis de 400 millóns de toneladas de plástico prodúcense no mundo cada ano, dos cales a metade están destinados a usar e tirar. Estímase que, entre 19 e 23 millóns de toneladas, terminan cada ano en lagos, ríos e mares.
Así mesmo, os microplásticos (partículas plásticas cuxo diámetro é inferior a 5 mm) invaden os alimentos, a auga e mesmo o aire. Os produtos plásticos dun só uso que resultan refugados, non soamente prexudican á saúde humana e a biodiversidade, senón que contaminan todo tipo de ecosistemas, desde os picos de montaña ata o leito mariño.
É posible facer fronte a esta problemática se se aproveitan os avances científicos e as solucións existentes. Para resolver esta crise, precísase que os gobernos, o sector privado e demais partes interesadas amplifiquen e implementen medidas eficaces.
A campaña para o Día Mundial do Medio Ambiente 2023 usará a etiqueta (hashtag) e tema #SinContaminaciónPorPlásticos.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente